O PP de Cuntis reitera a necesidade de acometer melloras urxentes no Campo de Fútbol da Ran e insta ao alcalde a empregar os 100.000 euros do PEID da Deputación
Cuntis, 24 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de reiterar a necesidade de acometer diversas melloras de xeito urxente no Campo de Fútbol da Ran ante o seu evidente deterioro, polo que quere instar ao alcalde, Manuel Campos, a que empregue os arredor de 100.000 euros da cuarta edición do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID) da Deputación de Pontevedra a realizar estas actuación.
Os populares concretaron que o terreo de xogo precisa da renovación do céspede artificial, xa que o actual esgotou a súa vida útil e está a causar problemas e lesións aos deportistas -moitos deles, nenos-. Ademais, tamén é preciso darlle solucións aos problemas de encharcamento e dotar ao estadio duns novos vestiarios ante a falta da espazo.
Esta situación motivou que o PP xa presentara, o pasado ano, unha moción reclamando que se executaran estas obras cos fondos do 3º PEID da Deputación, pero o goberno socialista obviou esta necesaria demanda malia que a proposta saíu aprobada pola maioría da corporación.
“Malia as deficiencias claras, o executivo de Manuel Campos negouse en redondo sen atender as necesidades do clube e dos deportistas e sen respectar o ditaminado polo maioría do pleno, polo que agora, dado que o campo de fútbol foi a peor, imos insistir para tratar de superar a deixadez e o abandono do noso goberno local con esta instalación municipal e co Atlético Cuntis”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo.
A concelleira do PP lamentou a actitude e decisión do alcalde “que preferiu apostar por crear un ximnasio en vez de poñer en condicións a instalación deportiva máis empregada de Cuntis” e considerou que se trabucou por completo e mudou a orde axeitada de prioridades, “xa que primeiro debe acondicionarse o xa existente e sobre todo cando o estado do campo pon en risco a seguridade dos usuarios e principalmente dos nenos”.
Finalmente, e tras destacar o aumento da actividade deportiva nos últimos anos neste recinto e as continuas demandas do Atlético Cuntis, Isabel Couselo quere esixirlle ao alcalde que “deixe as excusas e o abandono da Ran e aproveite esta gran oportunidade de financiamento, moi necesaria polo mal estado das contas do Concello” que lle brinda a Deputación de Pontevedra.