O PP de Cuntis reclama a renovación do céspede artificial do campo de fútbol da Ran para frear o incremento de lesións e a mellora e ampliación destas instalacións

Cuntis, 10 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vai reclamar en pleno a adopción de diversas melloras no campo de fútbol da Ran comezando pola renovación completa do céspede artificial tras esgotar a súa vida útil e presentar moitas deficiencias que están a acarrexar o incremento das lesión. Así mesmo, os populares tamén van pedir nesta proposta a mellora xeral e a ampliación destas instalacións, que están a quedarse cativas e obsoletas.

“Cremos que as instalacións e equipamentos municipais deben manterse en condicións e, no caso do campo de fútbol, estamos ante unha cuestión prioritaria despois de moitos anos de absoluto abandono por parte do goberno local, que optou todo este tempo por adicarse os seus axustados recursos a festas e gastos superfluos, e tamén a que están medrando as lesións polo mal estado da herba sintética do terreo de xogo”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo, que anunciou que van presentar unha moción demandando esta actuación.

A concelleira popular lembrou que o campo está a ser empregado por centos de deportistas de todas as idades grazas ao crecemento da canteira e da base do Atlético Cuntis, polo que calificou de “prioritario” que se remodele esta instalación para que se poida realizar esta práctica deportiva en condicións, se eviten lesións innecesarias e os usuarios, tanto futbolistas como espectadores, estean en situación de confortabilidade.

Ademais da urxente renovación do céspede artificial como medida máis necesaria, Isabel Couselo adiantou que van engadir outras solicitudes na súa moción, que xa foron pedidas polos clube de fútbol, como a creación duns vestiarios novos para ter capacidade para albergar a todos os deportistas, a corrección das filtracións e entradas de auga, a mellora xeral do complexo e o establecemento de medidas de mantemento para evitar o seu continuo deterioro.

“A práctica do deporte é fundamental para a nosa sociedade e para a promoción de hábitos saudables e en Cuntis temos a sorte de dispoñer dun campo como o da Ran que acolle a centos de rapaces e rapazas, pero que, pola desidia do goberno local, está en franco deterioro, polo que é algo que se debe corrixir de xeito prioritario e máis cando o seu estado está a provocar lesión”, apostillou a voceira do PP, que lembrou que o goberno local “non pode empregar a súa habitual excusa de falta de fondos, que por certo foi xerada pola súa mala xestión”, posto que dispón de axudas específicas para elo da Deputación de Pontevedra, como é o caso do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID).