O PP de Cuntis presenta unha proposta integral para as pistas do rural centrada no seu mantemento, mellora, limpeza e rozas tras anos de abandono e en moi mal estado

Cuntis, 12 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de presentar unha proposta integral para as pistas municipais das parroquias e aldeas do rural que está centrada na solicitude do seu axeitado mantemento, mellora, limpeza e rozas periódicas tras anos de abandono por parte do goberno socialista e por atoparse na actualidade en moi mal estado en termos xerais.

Os populares, que veñen de presentar unha moción ante o pleno para o seu debate na sesión ordinaria da próxima semana, piden que a rede local de estradas pasen a ser dunha vez por todas “unha prioridade orzamentaria e de actuación” despois de que o executivo de Manuel Campos a tivese relegada ao adicar os fondos do Concello a “gastos innecesarios e actuacións totalmente prescindibles que non responden ás necesidades reais da veciñanza e que só serven para acumular débedas con provedores e levarnos a unha situación crítica”.

A voceira municipal do PP, Isabel Couselo, explicou que o rural de Cuntis leva anos nunha situación de “abandono evidente”, sobre todo no ámbito das infraestruturas, posto que moitos camiños municipais e acceso ás aldeas están “en condicións lamentables” con numerosos baches e fochancas, fendas, afundimentos e un firme deficiente “que poñen en risco a seguridade viaria e dificultan a mobilidade dos veciños”.

A concelleira denuncia que a falta de mantemento é crónica e as rozas das beiravías e marxes son escasas e insuficientes para garantir unha axeitada seguridade, transitabilidade e salubridade. Ademais, lembrou que estas actuacións son competencia directa do Concello e deberían ser unha prioridade para o goberno local, “que se limitou a facer intervención puntuais, insuficientes e improvisadas moi alonxada dun plan periódico, orzamentado e prioritario que merecen os cuntienses”.

Por elo, os populares propoñen que, dada a moi mala situación económica das arcas municipais, se recurten os gastos superfluos tan habituais do goberno socialista e se destinen eses recursos, coa máxima prioridade, ao mantemento e conservación das pistas do rural, á elaboración e execución dun plan urxente de renovación do seu firme e da rozas periódicas e ao establecemento de mecanismos de seguimento e control da rede local de estradas para garantir un áxil acondicionamento das mesmas.