O PP de Cuntis lamenta “os anos de mala xestión e inacción” do goberno local coa EDAR, que está a xerar graves episodios de contaminación no río Gallo
Cuntis, 19 de agosto de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de lamentar “os anos de mala xestión e absoluta inacción” do goberno local de Manuel Campos coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Meira, que é a máis importante do concello, e que está xerar graves episodios de contaminación no río Gallo.
Neste senso, os populares denunciaron que esta mesma semana producíuse un novo vertido de augas fecais desde a depuradora -que seguía na xornada de onte tras comprobalo in situ– ata o citado cauce que ocasionou a morte de decenas de peixes e un dano importante ao medio ambiente, pero tamén engadiron que non se trata dunha cuestión puntual, posto que estes feitos repítense constantemente con cheiros e verteduras.
“O noso goberno pasa absolutamente da depuradora como se funcionase soa e non precisase de revisións e mantemento, malia que desde o PP xa se lle reclamamos reiteradamente melloras no saneamento, e desgrazadamente aí temos as consecuencias, porque a EDAR funciona mal, cada vez peor, e as verteduras e os malos olores son unha constante que sufrimos todos os veciños”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo, que quere esixirlle ao goberno socialista que invista e actúe nesta infraestrutura hidráulica, xa que salientou que a depuración e o saneamento son unha competencia exclusivamente municipal e ademais a xestión da mesma está en mans do Concello.
O PP criticou deste xeito o “absoluto abandono” do alcalde Manuel Campos coa EDAR, pero sobre todo que recurrise a “mentiras evidentes e de moi pouco percorrido” cando tratou de xustificarse alegando que o mantemento da mesma está tutelado por Augas de Galicia e pola Xunta e descartando que, no derradeiro episodio de vertidos desta semana, houbese irregularidades.
“A depuradora funciona fatal porque o goberno non a atende nin inviste, así que o alcalde, ante unha contaminación evidente, debería non negar a maior, non mentir escurrindo as súas responsabilidades e centrarse en investir e actuar nesta infraestrutura, porque esta política de pasotismo só serve para deixar de lado aos veciños, incumprir coas súas obrigas e, aínda por riba, ter que pagar todos os anos decenas de miles de euros en sancións polas verteduras”, aseverou Couselo.
Finalmente, a representante popular lembrou que hai anos tivo a posibilidade de construír unha nova depuradora noutra localización, como está a suceder en Barro, pero o alcalde rexeitouno e comprometeuse a mellorar a existente “aínda que, coma sempre, incumpríu a súa palabra”.