O PP de Cuntis lamenta a “inactividade total e o despilfarro” tras dous anos de mandato e critica que a xestión do alcalde só destaque por levar a débeda por riba dos 3 millóns
Cuntis, 27 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de lamentar a “inactividade total e o despilfarro” que caracterizaron a xestión socialista nestes dous primeiros anos de mandato e criticaron que o balance do alcalde só destque, tristemente, por levar á debeda “a uns niveis estratosféricos” por riba dos 3 millóns de euros que condicionan a axeitada atención aos veciños.
Os populares, nunha comparecencia na súa sede encabezada pola voceira municipal, Isabel Couselo, salientaron que a situación económica “nunca foi boa baixo a dirección de Manuel Campos, pero nestes dous anos deteriorouse ata límites insostibles, o que provoca que Cuntis sexa noticia só polos seus pufos, que os provedores tarden anos en cobrar as súas facturas, que haxa recurtes nos servizos e equipamentos municipais e que os investimentos dependan en exclusiva do que veña doutras administracións, principalmente a Deputación”.
A concelleira, que recalcou que Cuntis é un dos tres concellos da provincia con maior débeda por habitante e cos peores resultados económicos, achacou esta situación á “política de despilfarro” do PSOE, centrada en gastarse cantidades enormes de diñeiro na Festa do Lacón con Grelos hipotecando o resto do funcionamento municipal o resto do año, pagando ata 4.000 euros mensuais por un varrendeirou ou abonando os materiais ao dobre do seu prezo de mercado porque os provedores non llos venden doutro xeito pola falta de fiabilidade no Concello.
Por esta mala situación económica, os populares relevaron que os veciños padecen importantes deficiencias en servizos básicos, con moitas farolas rotas e bombillas sen repoñer, aldeas sen saneamento, tardanza de meses na recollida de residuos voluminosos, pistas sen bachear e sen rozar periodicamente ou beirarrúas con baldosas rotas, o que provoca, neste último caso, que o centro histórico, ademais de clausurado co conseguinte peche de negocios, estea totalmente descoidado.
“O tecido asociativo queda sen axudas, como no ano 2023, ou o Concello desenténdese das festas a poucas semanas da súa celebración, como no ano 2024, por falta de cartos, mentres os pufos aumentan de maneira disparatada. E o Concello no cumpre o seu papel de dinamizador, máis ben ao contrario está levando este pobo ao esmorecemento”, advertíu a edil do PP, que engadíu que “a Cuntis úrxelle frear esta desfeita porque esta xestión e esta grave situación económica vai traer graves consecuencias nos próximos anos”.
Por todo elo, Isabel Couselo reclamou un goberno local forte, con gañas de traballar e con ideas para revitalizar a vila “e que sexa capaz de loitar e defender aos veciños en casos tan terribles como da necesaria mellora da N-640, da que o alcalde só conseguíu uns parches insuficientes malia que desde o PP presionamos, e o seguiremos facendo, para que se modernice esta vía como se merecen os cuntienses”.
“Desde o PP avogamos por un modelo totalmente oposto ao actual, que está provocando o esmorecemento máis absoluto. Nós queremos e traballaremos por converter a Cuntis nun pobo vivo, aberto e dinámico”, concluíu.