O PP de Cuntis incorpora a Margarita Escariz como concelleira ao grupo municipal en substitución de Salva Pereira, que renuncia por falta de tempo e motivos persoais
Cuntis, 22 de abril de 2026.-
O PP de Cuntis vai incorporar a Margarita Escariz Fuentes como concelleira do grupo municipal en substitución de Salva Pereira, que vén de presentar a súa renuncia á acta pola falta de tempo que ten para desempeñar axeitadamente a representación institucional por motivos persoais.
A que será nova edil popular, técnica de Farmacia e veciña de Meira de 52 anos, xa mantivo un primeiro encontro de traballo coa voceira, Isabel Couselo, e co resto de compañeiros do grupo municipal para poñerse ao día co ritmo de traballo e asumir as novas competencias no seo do equipo de traballo.
Isabel Couselo valorou moi positivamente a chegada de Margarita Escariz, “unha persoa moi valiosa, que desempeñou un papel moi importante na candidatura de 2023 e tamén no traballo interno durante todo este tempo e á que agora tócalle desempeñarse na primeira liña, que é algo que vai facer á perfección ao tempo que nos outorgará un sopro de aire fresco e de enerxía ata o final do mandato”.
A líder do PP local, máis alá da tristura que supón que Salva Pereira teña que deixar a súa responsabilidade, destacou que polo demais “non se vai notar absolutamente nada porque a gran vantaxe que temos nesta época no PP de Cuntis é que somos un equipo amplo e diverso e unha familia forte e moi implicada que ten moi claro que o obxectivo é outorgarlle un futuro de esperanza a Cuntis”.
Isabel Couselo tamén quixo destacar o “traballo inmenso e cheo de xenerosidade” do edil saínte, especialmente nos malos momentos, “xa que agora todo semella algo máis sinxelo cando conseguimos converternos na alternativa de goberno que quere a maioría de Cuntis, pero houbo tempos moito máis complicados e neses sempre estivo Salva aguantando a bandeira do partido”. Finalmente, tamén louvou a súa responsabilidade e xenerosidade “para, dado que non ten tempo e as súas circunstancias persoais llo impiden, deixar paso e que o grupo chegue con toda a forza necesaria para gañar as eleccións do próximo ano”.