O PP de Cuntis esixe o arranxo integral e urxente da N-640 e critica as “excusas cosméticas” de Transportes e do alcalde mentres se suceden os accidentes
Cuntis, 6 de decembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de esixir o arranxo integral e urxente da estrada nacional N-640 ao seu paso polo concello polo seu deterioro e mal estado, co conseguinte prexuízo para a seguridade viaria de milleiros de condutores e usuarios, e critica duramente as “excusas cosméticas” do Ministerio de Transportes, a Subdelegación do Goberno e o alcalde Manuel Campos mentres se suceden os accidentes e medra o risco de sinistraliedade.
A voceira municipal, Isabel Couselo, calificou de “indignante e inadmisible” o derradeiro encontro entre Abel Losada e o rexedor local para, supostamente, abordar este asunto, xa que se limitaron a anunciar que a actuación se licitará nos próximos meses “sen un compromiso real e firme que atenda unha necesidade urxente e resolva un grave problema de siniestralidade”.
“O alcalde vai periódicamente a Pontevedra, cada certos meses, para facer que fai sobre a N-640, pero o resultado final, comprobable tras trinta meses de mandato, é que vai facer unha fotografía e sae cun anuncio baleiro sen compromisos, nin orzamento nin prazos e iso non é o que precisan os veciños de Cuntis”, sinalou a edil do PP, que lembra que o resultado desta derradeira reunión “foi o mesmo que xa dixeron Campos e Losada na súa xuntanza anterior, é dicir, nada de nada”.
A concelleira popular indicou que a estrada nacional, ao seu paso por Cuntis, “é un auténtico perigo” cun elevado risco de siniestralidade polo seu firme moi deteriorado e na mesma prodúcense accidentes de tráfico practicamente a diario e, tristemente nalgúns casos, co resultado de falecementos, como sucedeu hai dez días. “Nin eu nin ningún veciño de Cuntis entende nin comparte este pasotismo porque estamos falando da seguridade da xente e incluso os cargos socialistas saben da gravidade desta situación porque hai uns meses, ante o pésimo estado do firme, fixeron un parcheo nalgúns treitos que é totalmente insuficiente e do que xa queda pouco polos efectos das choivas”, concretou.
Por iso, Isabel Couselo anunciou que o PP presentará novas iniciativas políticas para demandar a mellora integral e urxente da N-640 atendendo ao “clamor social” que hai en Cuntis malia que advertíu de que as institucións dirixidas polo PSOE “non teñen ningunha intención de investir nin no noso concello nin en Galicia, como se pode comprobar botando números”, polo que a mellora non se acometerá neste mandato municipal que remata en 2027.