O PP de Cuntis denuncia un tercer intento do alcalde para aprobar unha suba forte do IBI e de imposto de vehículos e anuncia a súa oposición en defensa dos veciños
Cuntis, 30 de setembro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar que o alcalde, Manuel Campos, vai intentar, por terceira vez no presente mandato, aprobar unha forte suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana e do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e anunciou que, ao igual que nos dous casos anteriores, opoñerase a dita medida en defensa dos veciños.
“Non pode ser que o despilfarro, o derroche continuado que seguimos sufrindo día a día e as enormes débedas contraídas polo rexedor socialista en gastos superfluos e innecesarios que non melloran en nada a vida da xente teñan que ser pagados polos petos dos veciños, e máis no actual contexto de forte inflación, coa cesta da compra e os combustibles disparados, que fan que a moitos veciños lles sexa difícil chegar a final de mes”, apostillou a voceira municipal, Isabel Couselo.
Os populares de Cuntis indicaron que a proposta do alcalde, que será debatida mañá en comisión informativa e posteriormente no pleno da corporación, consiste no incremento da Contribución de Urbana nun 20%, pasando o tipo impositivo do 0,5 ao 0,6, e do imposto de vehículos nun 66%. Neste caso, o alcalde socialista promove a suba de 86 a 143 euros para os vehículos de 12 a 15,99 cabalos fiscais e de 107 a 179 euros para os de ata 19,99 cabalos fiscais.
O PP lembrou que Manuel Campos xa fixo senllos intentos nos anos 2024 e 2025 e ambos foron tumbados grazas aos votos en contra dos populares, que recalcaron que volverán a posicionarse fronte a esta medida, “posto que cremos que non se debe responsabilizar nin facer pagar os veciños polos excesos do alcalde e, desde logo, carece de todo o sentido neste momento coa inflación totalmente disparada pola inacción do Goberno central”.
Finalmente, Isabel Couselo recalcou que esta proposta do alcalde xurde da súa “desesperación” polos números vermellos das contas municipais, con débedas millonarias a provedores e ao Estado, e indicou que receita para sanear a economía do Concello debe pasar, de entrada, por unha política de contención dos moitos gastos superfluos do goberno socialista que se seguen negando a aplicar e que nos aboca a esta situación.