O PP de Cuntis denuncia un novo despilfarro en servizos da Festa do Lacón, algúns deles sen contrato, malia estar sen pagar moitas facturas da pasada edición e un desmesurado aumento da débeda

Cuntis, 7 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar que o goberno socialista está volvendo a incurrir nun novo exercicio de despilfarro co gallo da 27ª Festa do Lacón con Grelos e dos seus servizos, algúns dos cales xa están en marcha de xeito irregular por acometerse sen contrato e malia que seguen sen pagarse moitas facturas da pasada edición. Neste contexto, os populares critican que esta situación, que se repite ano tras ano e que lastra as contas do Concello durante todo o ano, prodúcese nun momento no que volve medrar a débeda de forma escandalosa polo aumento dos impagos a provedores nun 50% ata situalo en máis de 1,7 millóns de euros.

“Somos os primeiros que queremos unha gran Festa do Lacón porque é un orgullo para Cuntis, pero non pode ser que se tiren centos de miles de euros nunha fin de semana e que o resto do ano andemos á miñoca e coas asociacións sen percibir as súas subvencións. Ademais, todos estes fastos que monta o alcalde son, en moitos casos, innecesarios, porque Cuntis e o Lacón xa están no mapa gastronómico galego do mes de febreiro e fanse sobre todo para satisfacer o ego de Manuel Campos, pero está claro que podemos ter unha grandísima festa sen tirar os cartos nin seguir endebedándonos”, aseverou a voceira municipal, Isabel Couselo.

Así, desde o PP de Cuntis arremeteron contra a xestión do rexedor pola instalación de varias carpas nas inmediacións do consistorio sen a formalización legal do correspondente contrato, o que podería derivar en graves consecuencias para o Concello se sucede algunha incidencia durante a montaxe, e sen que se teñan abonado as facturas por este mesmo concepto correspondentes á edición de 2025.

“Temos as carpas do ano pasado sen pagar, o contrato de Cómplices feito ás presas feito ás presas e servizos en marcha sen adxudicar e toda esta trapallada tan propia da xestión que estamos a sufrir nestes mandato prodúcese nun momento de forte aumento dos impagos aos provedores que fan obras e servizos ao Concello ata situalos en 1,7 millóns de euros”, manifestou a concelleira do PP, que revelou que as arcas municipais remataron o terceiro trimestre de 2025 con 1.143.000 euros en pagos pendentes e os mesmas disparáronse ata máis de 2.000 facturas sen abonar por importe de 1.703.000 euros ao final dese exercicio.

“A situación é dramática, cunha débeda de máis de 5 millóns de euros, xa que aos impagos a provedores hai que engadirlle os máis de 3 millóns de euros que lle temos que devolver ao Estado polo rescate das nosas débedas e, con isto enriba da mesa, o alcalde segue coa súa fuxida para adiante, en moitos casos de xeito irregular, nunha actitude que só podemos calificar de temeraria”, concluíu Couselo.