O PP de Cuntis denuncia un “despilfarro sen control” na pasada Festa do Lacón con Grelos cun gasto de case 200.000 euros e lamenta a “irresponsabilidade” do goberno
Cuntis, 19 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar un “absoluto despilfarro sen control” na pasada edición da Festa do Lacón con Grelos cun gasto, ata a data, de case 200.000 euros, e lamentou a “irresponsabilidade” do goberno socialista, xa que non para de medrar as elevadas débedas do Concello en vez de optar pola contención.
“Oxalá se puidesen gastar o dobre ou o triplo na Festa do Lacón con Grelos, que é unha seña de identidade de Cuntis, pero a xestión socialista destes anos levounos á bancarrota e o único que fai o alcalde é unha xestión neglixente e unha fuxida cara adiante. Porque gasta unha chea de cartos para a súa maior gloria, pero logo quere subirlle os impostos aos veciños, non lle paga ás asociacións, recurta en servizos municipais e nin fai mantemento nin realiza investimentos”, clamou a voceira municipal, Isabel Couselo.
A concelleira do PP cre que o Concello “non se pode gastar uns cartos que non ten” e revelou que as cifras oficiais de gastos facilitados polos servizos técnicos ascenden ata o momento a 176.000 euros, aínda que advertíu de que faltan o pago de carpas, a contabilización de gastos non conceptuados como da festa ou aquelas facturas que aínda non se presentaron no rexistro. Ademais, lamentou que a cifra non deixa de medrar polas irregularidades habituais na contratación de servizos sen o correspondente procedemento, sen axustarse a ningunha partida ou sen fondos na mesma.
E todo elo sen conseguir que a festa vaia medrando, senón máis ben ao contrario, “xa que cada ano vai a menos, como se puido comprobar no Xantar do Lacón, cunha importante redución de asistentes respecto aos 1.800 do ano anterior, ou co concerto estrela de OBK, que só vendeu 536 entradas”. Neste senso, indicou que estaba previsto que se expedisen unhas 3.000, unha cifra que serviría para financiar para pagar parte do espectáculo, “pero á vista do resultado o burato nas contas xerado polo concerto vai ser inmenso”.
Couselo tamén seguíu desgranando as cifras e criticando a xestión do goberno socialista, que investíu 45.000 euros nunha carpa de grandes dimensións, e contrapuxo este gastos cos 18.000 investidos polo Concello da Estrada para unha infraestruturas de maior tamaño para o Salmón e a Sidra.
A concelleira popular, que indicou que agora comezarán as consecuencias con retrasos de meses no pago a estes provedores e con efectos sobre os servizos do día a día prexudicando aos veciños, calificou esta situación de “vergoña que non fai máis que causarlle un enorme dano a Cuntis, xa que non deixa de incrementar a forte débeda e iso estanos pasando factura”.
Finalmente, reiteroulle ao alcalde que cumpra co seu compromiso, anunciado en pleno, de mandarlle a relación completa de gastos da Festa do Lacón con Grelos a todos os veciños: “Aínda estamos agardando, pero cremos que non se atreve”.