O PP de Cuntis denuncia que os cargadores públicos de vehículos eléctricos levan sen funcionar durante todo o verán e esixe a súa nova posta en funcionamento

Cuntis, 28 de agosto de 2026

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar que os catro cargadores públicos de vehículos eléctricos emprazados no casco urbano, en concreto xunto á casa consistorial e ao centro sociocultural Patelas, levan sen funcionar durante todo o verán e esixe a súa inmediata posta en funcionamento para prestar este servizo aos veciños.

Os populares revelaron que, ao longo das últimas semanas, foron recibindo queixas de veciños sobre os problemas e a falta de funcionamento destes puntos de carga e, segundo lle trasladaron os usuarios, están inoperativos desde mediados do pasado mes de xuño coas conseguintes molestias para os condutores, que prevén enchufar os seus vehículos cando acuden á vila e finalmente teñen que recurrir a infraestruturas privadas para, nalgúns casos, poder regresar ata os seus domicilios.

Desde o PP de Cuntis lembrouse que estes dous puntos, con dous cargadores cada un, están instalados desde o ano 2021 no caso do anexo á Casa do Concello e desde 2024 no da rúa Xoán Xesús González e, en ambos casos, supuxeron un investimento público de 12.000 euros, polo que, dado o auxe do vehículo eléctrico, non se entende que non se faga o correspondente mantemento para que sempre poidan estar dispoñibles para os usuarios.

A voceira municipal, Isabel Couselo, lamentou esta deixadez do alcalde Manuel Campos nas tarefas de sostemento dos servizos públicos, exemplificada neste caso nos cargadores pero extensible a moitos equipamentos e infraestruturas que se están a abandonar pola falta de fondos e de xestión.

“Aos veciños moléstalles moito chegar alí, enchufar o seu coche e ver que non carga, porque teñen que buscar algunha alternativa e perden bastante tempo. Se non van funcionar o mínimo é informar aos cidadáns para que non conten con eles, pero o que non ten sentido é que se lle recomendé á xente que compre vehículos eléctricos para non contaminar se logo, en Cuntis, non teñen onde cargalos”, manifestou a concelleira popular.