O PP de Cuntis denuncia que o goberno local propón unha suba “estratosférica” do IBI e do IVTM e anuncia o seu rotundo rexeitamento a este “asalto aos petos dos veciños”
Cuntis, 23 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar que o goberno local de Manuel Campos acaba de cursar unha proposta, para o seu debate en pleno, cunha suba “estratosférica, desorbitada e fóra da realidade” do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) cifrada no 33% e no 66%, respectivamente, e anuncio o seu rotundo rexeitamento a este “asalto aos petos dos veciños”.
Os populares indicaron que, na comisión informativa celebrada esta semana previa ao pleno, coñeceuse a Conta Xeral 2025 e as medidas que propón o goberno local para tentar pagar os 1,7 millóns de euros que ten en facturas pendentes. Entre as mesmas figura o aumento do imposto de vehículos de 86,33 a 143,88 euros anuais –para os de 12 a 16 cabalos fiscais que son a maioría– e o incremento do tipo impositivo do Catastro de Urbana de 0,45 a 0,60 e o de Rústica de 0,35 a 0,40.
Neste senso, o PP local lembrou que o alcalde Manuel Campos xa fixo unha proposta de suba fiscal o pasado mes de setembro, “que afortunadamente foi tumbada polo pleno liderada polo PP”, pero que era moito máis cativa e moderada, xa que pretende subir o IBI entre un 4,5% e un 10% e a denominada Viñeta entre un 11% e un 14%.
“Parece ser que a desesperación económica está a cundir no executivo socialista, porque se xa rexeitamos aquela suba porque non compartimos que os veciños teñan que pagar o despilfarro do alcalde, agora vannos atopar de fronte con máis forza na defensa dos intereses dos cuntienses porque pretenden multiplicar por cinco aquela suba que é algo que consideramos totalmente esaxerado”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo, que lembrou que naquel anterior intento o goberno conseguíu subir as taxas da escola de música e do programa de conciliación ‘Cuntilín’ pola complicidade do BNG co seu voto a favor.
A concelleira popular lamentou a “voracidade recadatoria” do rexedor, que pretende incrementar os ingresos anuais en 122.000 euros no caso dos vehículos e de 138.000 euros no do IBI para pagar os 1,7 millóns de euros en facturas pendentes, aos que habería que engadir outras débedas e impagos que colocan os números vermellos por riba dos 5 millóns de euros.
Ante esta situación, Isabel Couselo deixou claro que o PP “non vai apoiar en ningún caso e vaise opoñer frontalmente a que se lle carguen aos cuntienses os pufos e os despilfarros do alcalde” e indicou que a recuperación da pésima situación económica do Concello pola mala xestión socialista destes anos debe comezar por medidas de contención “que non se ven por ningures”.