O PP de Cuntis denuncia os impagos das axudas municipais 2025 ás asociacións e responsabiliza ao alcalde pola súa mala xestión económica
Cuntis, 26 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de denunciar, co gallo do derradeiro pleno ordinario do ano convocado para esta noite, os impagos das axudas municipais para as asociacións, colectivos e clubes do concello correspondentes ao presente exercicio e responsabiliza deste grave incumprimento ao alcalde, Manuel Campos, pola súa mala xestión económica, xa que sosteñen que a falta de abono se debe exclusivamente a que non hai diñeiro.
A voceira municipal, Isabel Couselo, sinalou que o goberno socialista vai deixar pasar a sesión de hoxe sen aprobar o pago destas axudas malia que xa as tiña que ter abonado hai bastante tempo para axudar ás asociacións ao seu correcto funcionamento e a que, desde o PP, xa se lle pedíu que activara este proceso o pasado mes de febreiro “antes de que dilapidara todos os cartos como leva facendo todo o mandato”.
“Hoxe era unha gran oportunidade para aprobar estas achegas ás nosas entidades, aínda que xa sería cun excesivo retraso porque só quedan 36 días do presente exercicio, pero sería mellor que nada. Pero en todo caso, o alcalde e o goberno local volven amosar o seu abandono total cara ás nosas asociacións, que fan un traballo fundamental a prol do dinamismo de Cuntis e que suplen, en moitas ocasións, a inacción do Concello”, sinalou a concelleira popular.
A edil do PP advertíu de que estas subvencións de 2025 descoñécese cando se abonarán ou se chegarán a pagarse “tal e como sucedeu coas de 2023, que nunca se sufragaron” e concretou que as mesmas, fixadas nun total de 97.500 euros a prol de 14 colectivos, “son unha cantidade pequena para o Concellou, ou debía selo en condicións normais de xestión con cartos en tesourería, pero trátase dunha cifra imprescindible” para estas entidades, o seu funcionamento e a súa supervivencia. “As nosas asociacións viven totalmente asfixiadas e afogadas polos incumprimentos do alcalde, con risco de ter que aumentar as cotas dos seus socios, con dificultades para a súa supervivencia e con prexuízos para os seus centos de usuarios”, apostillou
Finalmente, Isabel Couselo lembrou que neste asunto “chove sobre mollado”, posto que ao incumprimento coas asociacións neste 2025, hai que engadir a situación límite que se vivíu o ano pasado, os recurtes nas achegas aplicados a determinados colectivos e o impago das de 2023, “que se deixaron pasar a propósito co obxectivo premeditado do alcalde de non abonalas nunca”.