O PP de Cuntis demanda o arranxo urxente das grandes eivas da EDAR de Meira e das demais depuradoras e a extensión do saneamento para evitar a contaminación

Cuntis, 17 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Cuntis vai demandar o arranxo urxente das grandes eivas que padece a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Meira -a máis importante do concello- e a revisión e mellora das demais depuradoras, así como a extensión do saneamento aos moitos núcleos rurais que carecen deste servizo para tratar de poñer couto aos cada vez máis crecentes casos de contaminación.

Os populares van presentar unha moción plenaria tras os nulos avances nesta materia e a perpetuación e empeoramento do estado das depuradoras, posto que o alcalde leva 16 meses sen realizar ningunha actuación efectiva de mantemento ou modernización destas infraestruturas malia que en maio de 2025 se aprobou por unanimidade unha proposta do PP reclamando estas medidas.

Neste senso, o PP cuntiense concretou que as EDAR levan anos funcionando mal e causando vertidos aos ríos, danos á flora e á fauna, cheiros insoportables para os veciños e episodios de contaminación, aínda que o caso máis grave producíuse hai unhas semanas na de Meira coa perda de restos fecais sobre o cauce do río Gallo e tamén sobre o encoro da Baxe que nutre o abastecemento doutros municipios.

“As nosas depuradoras non funcionan porque o goberno non lle fai o mantemento, moitos núcleos rurais carecen de saneamento e vense obrigados a ter fosas sépticas e o estado xeral da rede é moi deficiente, polo que estamos nunha situación límite a punto de estoupar con graves casos de contaminación ambiental que afectan aos acuíferos, aos ríos, á flora, á fauna e, en consecuencia, tamén aos veciños, polo que fronte a isto o Concello non pode quedar de brazos cruzados”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo.

A concelleira popular indicou que o deterioro da depuración e o saneamento “é evidente” e tamén se está a substanciar nos últimos anos na interposición de multas económicas e denuncias contra o Concello, polo que é necesario reiterar que esta cuestión é unha prioridade coa que o goberno “ten que cumprir”.

“Manuel Campos pasa dos acordos plenarios, desatende aos veciños que están moi molestos coa situación e leva aos nosos ríos a unha situación crítica, polo que debe deixarse de gastos superfluos e tomarse isto como unha prioridade”, sinalou Couselo, que concretou que os acordos da súa proposta pasan pola reparación urxente da EDAR de Meira, o estudo do estado do resto de depuradoras e as obras oportunas para evitar vertidos e a elaboración dun plan prioritario e un cronograma para dotar a todas as aldeas de rede de sumidoiros.