O PP de Cuntis critica que o goberno inicie unha “campaña de asalto aos petos dos veciños” con tres subas de impostos e a estrea do cobro do servizo de conciliación
Cuntis, 16 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de criticar que o goberno socialista dirixido por Manuel Campos tente iniciar unha “campaña de asalto aos petos dos veciños” cunha proposta para subir o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e a taxa da escola de música e para implantar unha tarifa de nova creación para o servizo de conciliación ‘Cuntilín’, que ata a data era gratuíto.
Estas medidas fiscais vanse debate no pleno de mañá e os populares xa anunciaron o seu rexeitamento a todas elas, “xa que o gravísimo problema económico que ten o Concello débese exclusivamente ao despilfarro estratosférico do alcalde, que se gasta en festas centos de miles de euros que non temos, e cremos que a solución pasa pola contención de gastos superfluos, en ningún caso por sablear á xente que non ten culpa desta xestión tan nefasta”.
Por elo, a voceira municipal, Isabel Couselo, insta ao alcalde a buscar os apoios que precisa no seu socio natural do BNG, “pero que non conte desde logo coa complicidade do PP porque respaldar cos nosos votos esta suba xeralizada de impostos sería como avalar a súa xestión económica, que é das tres peores da provincia e sobre a que levamos moito tempo alertando, e ademais suporía cargarlle aos veciños os problemas xerados por Manuel Campos e, sinceramente, non o merecen nin está o contexto económico para elo”.
En concreto, os populares revelaron que a proposta do goberno socialista, “que curiosamente e a diferenza de moitas outras cousas non foi anunciada a bombo e pratiño polo alcalde nun claro intento de agochala”, consiste na suba do 11,1% no IBI de urbana –pasando o tipo de 0,45 a 0,50–, do 14,2% para os bens rústicos, de entre o 4,6 e o 9,7% para o IVTM dependendo dos cabalos fiscais de cada vehículo e do 20% para a escola de música, cuxa tarifa xeral se incrementaría de 45 a 54 euros e medraría na mesma porcentaxe nas clases especializadas e de instrumentos.
Así mesmo, os populares denunciaron que o PSOE tamén pretende establecer novas taxas no servizo de conciliación ‘Cuntilín”, cobrando 5 euros mensuais pola modalidade Madruga, 18,50 euros pola quenda de tarde, ata 30 euros mensuais na época de verán e 6 euros polo período do Nadal. “O servizo é de balde, como en Forcarei ou Moraña, porque é algo básico, e a verdade é que produce envexa ver que un concello veciño está ben xestionado e non ten que cobrarlle aos veciños por algo fundamental como é a conciliación”, indicou a concelleira popular.
Finalmente, Isabel Couselo lembrou que este intento de subir de xeito xeralizado os impostos, xa se producíu hai exactamente once meses, cando o alcalde propuxo incrementar de xeito brutal o IBI nun 66% e duplicar o imposto de vehículos, pero as súas medidas foron tumbadas polo pleno, “que é algo que agardamos que volva a pasar e nós, desde logo, imos liderar o rexeitamento a que os pufos de Manuel Campos llos paguen os veciños cando a solución é bastante doada, está nas súas mans e pasa pola responsabilidade e o sentidiño”.