O PP de Cuntis consegue que o pleno aprobe por unanimidade a prioridade absoluta da ampliación integral da rede de saneamento financiada coa supresión de gastos innecesarios

Cuntis, 3 de xuño de 2025

O grupo municipal do PP de Cuntis conseguíu que o pleno da corporación aprobara por unanimidade a catalogación de “prioridade absoluta” para acometer de xeito urxente as obras de ampliación e extensión integral da rede de saneamento e que a mesma sexa financiada coa supresión de gastos innecesarios e superfluos.

A moción dos populares detallaba que na actualidade aínda hai moitos núcleos e centos de veciños que carecen deste servizo básico de competencia municipal e que teñen que evacuar as augas residuais das súas vivendas a través de sistemas obsoletos e non regulados ou fosas sépticas que xeran unha importante contaminación ambiental e danan os acuíferos. Paralelamente, engadíase que as EDAR teñen bastantes deficiencias e incumpren a normativa, o que está a motivar constantes denuncias e multas á administración local.

Ademais, explicouse que o Concello, malia a súa difícil situación económica, incurre de xeito periódico en gastos superfluos e totalmente innecesarios que permitirían ir financiando estas obras, moito máis prioritarias, e lamentouse que o abuso destes gastos permitíu que nos últimos anos só se acometeran actuacións puntuais e insuficientes en materia de saneamento.

Polo tanto, o PP cuntiense propuxo a eliminación de todas estas partidas superfluas e conseguíu a aprobación da súa proposta a prol da rede de sumidoiros ata que se proceda a completa, pero a voceira popular, Isabel Couselo, anunciou que o seu partido permanecerá vixilante “de xeito permanente e desde o primeiro minuto” no cumprimento deste acordo. “Temos a firme sospeita, baseada na errática actuación habitual do goberno socialista, de que o alcalde e o seu grupo só pretenderon gañar tempo e lavar a cara ante os veciños a sabendas de que a moción ía saír adiante cos votos do PP e do BNG e de que existe un forte malestar de centos de cuntienses que carecen deste servizo básico, pero imos insistir en que se cumpra con este investimento”, manifestou a voceira, Isabel Couselo.

Entre os acordos adoptados, figuran a declaración prioritaria da ampliación da rede de saneamento e da corrección das deficiencias existentes no servizo actual, a elaboración dun estudo detallado de situación das aldeas con eivas e falta de servizo, a concreción dun plan integral de obras con cronograma a curto, medio e longo prazo e o deseño dun sistema posterior de supervisión, mantemento continuo con protocolo de incidencias e inspección periódica e de medidas de mellora.