O PP de Cuntis confirma que a rehabilitación integral do colexio público Aurelio Rey licitarase antes de final de ano e prevese que as obras comecen en 2026
Cuntis, 15 de novembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de confirmar que a rehabilitación enerxética e funcional do CPI Aurelio Rey licitarase antes do final do presente ano, segundo o acordado esta semana polo Consello da Xunta, e prevese que estas obras de modernización integral, ás que se achegarán 1,1 millóns de euros, comecen ao longo de 2026, cumprido deste xeito coa partida específica recollida para elo nos Orzamentos Autonómicos 2026, actualmente en tramitación.
“Estamos ante unha magnifica nova, porque xa non é só que o noso colexio público estea nas contas da Xunta, é que as obras tan necesarias e solicitadas pola comunidade educativa vanse acometer coa maior celeridade, polo que damos por bo todo o esforzo que puxemos en sacar adiante esta iniciativa e tamén queremos agradecer o compromiso do Goberno galego con Cuntis”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo, que acudíu ata o centro acompañados dos demais concelleiros populares para informar desta actuación tras recabar os datos correspondentes despois da súa aprobación no Consello.
A concelleira popular lembrou tamén que, a falta de coñecer todos os detalles do proxecto, as rehabilitacións integrais proxectadas pola Consellería de Educación “son moi completas e practicamente converter os centros en edificios e espazos novos”, posto que contemplan accións de eficiencia enerxética, melloras do illamento, cambios de fachadas, cubertas, fiestras e portas, modernización das aulas e outras obras orientadas a incrementar a confortabilidade en todas as zonas. “Con esta obra tan importante e de tanta envergadura teremos o noso querido colexio nas mellores condicións para os próximos 25 anos”, apostillou, antes de agradecer a “máxima sensibilidade” do conselleiro Román Rodríguez coas necesidades de Cuntis.
Finalmente, amosou o seu desexo de que o titular de Educación acuda a Cuntis a detallar o cronograma e as obras en breve prazo, xa que por agora todos os datos coñecidos son os que aparecen reflectidos nos documentos oficiais dos Orzamentos 2026 e do Consello da Xunta, e agradeceu o traballo de toda a comunidade educativa do CPI Aurelio Rey.