O PP de Cuntis arremete contra a “agonía económica” do Concello tras ser requerido por Hacienda ante outro desfase orzamentario e esixe medidas de contención ao alcalde

Cuntis, 20 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de arremeter contra a “agonía económica” do Concello tras o novo requerimento remitido polo Ministerio de Hacienda do Goberno de España ante a confirmación doutro desfase orzamentario na liquidación das contas de 2024, polo que quere esixirlle ao alcalde, Manuel Campos, que tome de inmediato medidas de contención “porque do contrario a única saída pasaría por recurtes de servizos ou subas de impostos que non estamos dispostos a tolerar”.

Os populares lamentaron que Cuntis sexa un dos oito concellos da provincia “cos gastos disparados” e aos que o Executivo central lle solicita medidas de control e indicaron que “dá pena” que cada vez que saen os parámetros económicos negativos sempre está o Concello: “Hai municipios que incumpren unhas cousas, outros que non dán chegado a outras, pero por desgraza para os veciños, porque isto ten consecuencias nos investimentos, nos servizos e nos pagos a provedores, Cuntis está sempre en todos os incumprimentos”.

Neste senso, e segundo a comunicación de Hacienda, a reactivación das regras fiscais tras a pandemia obriga a manter a estabilidade orzamentaria, “pero o goberno de Cuntis ten recurrentemente máis gastos que ingresos, que ademais é como tirar cos cartos porque o Concello está como está e as asociacións nin sequera cobran as axudas, e por riba superan o índice da inflación sen ter ingresos ordinarios estables, en definitiva un desastre económico”.

Ademais, a voceira popular, Isabel Couselo revelou que o rexedor socialista “mantén na recámara a fallida suba do IBI, tumbada cos votos en contra do PP, segundo a proposta que trasladou ao ministerio, pero imos negarnos en redondo e  esíximoslle que a alternativa pase por conter os gastos e deixar de tirar o diñeiro”.

A edil do PP indicou que o incumprimento da estabilidade e a certificación deste novo desfase orzamentario obriga á realización dun novo plan de axuste no ano 2026 e advertíu de que a intención do alcalde pode pasar por un novo intento de suba de impostos: “Estaremos moi alerta defendendo aos veciños para que non lles faga pagar a súa nefasta xestión e ademais tampouco admitiremos máis recurtes nos servizos municipais como levamos sufrindo nos últimos tempos”.