O PP de Cuntis acusa ao goberno de aprobar un plan económico que hipoteca ao Concello ata 2041 cun crédito de 1,7 millóns de euros para pagar facturas irregulares

Cuntis, 29 de maio de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de lamentar que o goberno socialista aprobase no pleno celebrado onte á noite un Plan Económico Financeiro (PEF) -derivado da mala situación económica do Concello- que vai hipotecar á administración local ata o ano 2041 posto que permitirá acollerse a un crédito do Estado de 1,7 millóns de euros que está orientado a pagar facturas pendentes xurdidas de procedementos irregulares.

Os populares concretaron que este expediente saíu adiante tras un empate a cinco votos malia o rexeitamento de PP e BNG co voto de calidade do alcalde, Manuel Campos, ao que acusaron de seguir coa súa “fuxida adiante”, posto que pretende pagar os seus impagos, todos eles procedentes de servizos sen contrato ou sen partida orzamentaria, e seguir co despilfarro.

Pero é que ademais, a formación liderada por Isabel Couselo lamentou que a solución proposta polos socialistas para afrontar este crédito pase exclusivamente por unha suba “brutal” dos tributos máis extendidos e que afectan á práctica totalidade da veciñanza e que consisten nun incremento do 33% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de Urbana pasando o tipo do 0,45 ao 0,60 e do 66% no caso do Imposto de Vehículos Tracción Mecánica (IVTM).

Porén, esta dobre suba fiscal aínda non está aprobada malia a súa inclusión no PEF e en principio está previsto que a obrigatoria modificación de ambas ordenanzas vai ao próximo pleno. Neste senso, Isabel Couselo xa anunciou que o PP opoñerase con rotundidade a que se suban estes impostos e agarda poder liderar de novo que sexan tumbadas polo pleno, tal e como fixo o pasado outono con outra proposta de incremento fiscal por parte do alcalde.

Finalmente, cómpre sinalar que a voceira popular puxo sobre unha mesa unha alternativa no pleno, solicitándolle ao alcalde que retirase este PEF da orde do día e o reformulase centrándose exclusivamente en incrementar os ingresos para pagar o citado crédito a través da contención e redución de gastos, apuntando por exemplo que se teñen gastado medio millón de euros en varrendeiros nestes tres anos cando o servizo podía prestarse co persoal financiado pola Deputación.

“Estes 1,7 millóns xa quedaron curtos porque as facturas impagadas xa se elevan a máis de 2 millóns e as débedas de Cuntis superan os 5 millóns, así que non podemos apoiar un plan que non fai máis que hipotecar ao Concello cargándolle a situación aos veciños, que deben saber que poden contar con nós para tentar parar a suba desmesurada de impostos que pretende Manuel Campos”, concluíu.