O PP de Cuntis acusa ao alcalde de “roubarlle” as axudas nominativas de 2023 e 2025 ás asociacións e critica que a “quebra” do Concello só permita pagarllas en anos alternos
Cuntis, 11 de abril de 2026
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de acusar ao alcalde, Manuel Campos, de “roubarlle” as axudas nominativas dos anos 2023 e 2025 ás asociacións, clubes e colectivos, posto que a aprobación dunha modificación de crédito no pleno celebrado esta semana para abonar as do presente exercicio deixa ben ás claras que o goberno socialista non pretende pagar as pendentes agardando que queden atrás. Neste senso, criticou que a “quebra técnica” na que está inmerso o Concello só permita pagarlles estas achegas fundamentais para o seu funcionamento en anos alternos.
“Estamos na cuarta anualidade do presente mandato e o Concello só foi quen de pagar as axudas aos colectivos en 2024 e agora pretende facer o propio coas deste ano, pero ten unha débeda económica e moral con estas entidades, coas que non colaborou en 2023 e 2025, o que demostra o funcionamento errático dun goberno que non cumpre coas súas obrigas, que é protagonista polos seus impagos e que sempre ten ás asociacións na corda frouxa. E por moito que sone groso, isto ten un nome e é roubar porque eran cartos cos que as entidades contaban e que foron anunciados e comprometidos reiteradamente polo alcalde, que demostra non ter palabra”, manifestou a voceira municipal, Isabel Couselo.
De feito, a concelleira do PP valorou positivamente que as asociacións e clubes vaian recibir as subvencións no presente ano, malia que discrepa do criterio de asignación de cartos polos recurtes a algunha entidade de xeito discriminatorio, pero lembrou que os impagos dos dous citados exercicios anteriores é “inadmisible” e instou ao rexedor a aclarar que vai pasar con esas dúas anualidades. “Creo que debería dar explicacións, pero danos a impresión de que Manuel Campos dá esas achegas por esquecidas e non pensa abonalas, coa súa habitual política de fuxida para adiante, obrigando aos colectivos a vivir ao bordo da asfixia económica”, engadíu.
Ademais, Isabel Couselo tamén lamentou o modo no que se xestaron as nominativas destes ano para unha ducia de asociacións, posto que a “terrible xestión económica” do Concello, cunha débeda altísima e millonaria, motivou que se tivese que aprobar unha modificación de crédito para obter os 95.000 euros desde outras partidas. “Estamos nun Concello que, para axudar aos colectivos como fan todos os municipios, ten que sacar diñeiro lamentablemente de partidas sensibles e de accións sociais básicas nas que se van aplicar recurtes. Isto é moi triste e se enmarca nunha xestión desesperada”, manifestou a voceira, que reclamou dilixencia no manexo dos cartos públicos “para non vivir estes esperpentos de ter que recurrir constantemente á enxeñeria financeira nun xogo máis propio de trileiros que dun alcalde”.