O PP de Catoira revela que a situación económica do Concello é a peor da provincia e está en “alerta vermella” con grave risco para os servizos públicos
Mércores, 6 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Caoitra vén de revelar que a situación económica do Concello é a peor da provincia e a tesourería atópase en “alerta vermella”, tal e como confirmou o Consello de Contas no seu derradeiro informe de fiscalización das entidades locais, polo que alerta de que os servizos públicos e axeitada atención aos veciños está en grave risco.
Os populares sinalaron que, segundo confirmou o citado órgano independente, a “situación financeira de Catoira é moi comprometida” pola xestión do goberno de Xoán Castaño, posto que tanto o remanente como o aforro neto son negativos “e iso pon en claro perigo a sostenibilidade do gasto corrente que sostén os servizos municipais”. Neste senso, recalcaron que a gravidade das contas municipais xa fora confirmada previamente polo departamento de Intervención e denunciada polo propio PP para que se adoptaran canto antes medidas corretoras, “pero o executivo do BNG fixo caso omiso e continúa pola senda contraria despilfarrando a mans cheas os cartos públicos sen beneficio para os veciños”.
A voceira municipal, Estefanía Frieiro, cre que hai que adoptar medidas para que cesen os recurtes, a precariedade nos servizos e a desatención veciñal “antes de que sexa demasiado tarde”, pero lamentou que enfronte “mantense a falta de autocrítica coa nefasta xestión económica e preténdese seguir con esta deriva”. A concelleira popular reclamou con urxencia un plan de contención para que se poidan manter axeitadamente os servizos.
“A liquidez é inxistente, o cal xera un período de pago a provedores disparado que prexudica ás empresas e autónomos que traballan para o Concello; incúmprense todas as regras fiscais e o remanente é negativo, polo que estamos ante unha xestión económica sen pés nin cabeza que ten un damnificado: o pobo de Catoira”, aseverou a edil, que recalcou que, tras tres anos de goberno nacionalista “conseguiron o impensable, que é empeorar a nefasta xestión económica do PSOE e mira que era difícil”.