O PP de Catoira lamenta que o goberno local “prefira lanzar falsidades contra os nosos edís antes de cumprir coa sentenza da pirotecnia” e pídelle aos veciños que tomen nota

Catoira, 7 de marzo de 2025.-

O grupo municipal do PP de Catoira vén de lamentar fondamente a postura do goberno local respecto da pirotecnia de Coaxe despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitira unha sentenza firme que confirma a súa ilegalidade e que ordease o seu derrubo. Neste senso, os populares criticaron que o executivo municipal “prefira adicarse a perder o tempo lanzando falsidades contra os nosos edís antes que cumprir co ditame xudicial”, polo que pedíulles aos veciños que tomen nota desta actitude.

“Se teñen que elixir entre mentir sobre o PP ou derrubar esta instalación, sempre van escoller a primeira opción porque non teñen vergoña ningunha en retorcer a realidade pola súa xenreira e impotencia electoral que teñen en toda Galicia por sufrir derrota tras derrota. Co BNG nunca se avanza porque é un partido anti, prefire destruír ao PP que construír absolutamente nada”, sosteñen os populares, que advertiron que o derrubo da pirotecnia vaise prolongar durante anos, xa que o goberno de Xoán Castaño prefire que siga en pé para, durante todo este tempo, lanzar loiadas contra o PP no canto de cumprir cos veciños.

Ao respecto, a formación liderada por Estefanía Frieiro criticou que desde o goberno municipal se falsee abertamente a posición do PP sobre a pirotecnia e se promovan campañas de mentiras sobre a mesma. Así, lembrou que o anterior voceiro popular, Iván Caamaño, visitou a pirotecnia non para amosar ningún apoio, senón para comprobar que dispoñía dos servizos municipais e que o intento de Castaño de pechala “polas bravas” non se axustaba á lei. “Dixemos, co anterior voceiro e co grupo municipal actual, que todo quedaba en mans da xustiza e os tribunais falaron con claridade dicindo que a pirotecnia é ilegal, polo que o Concello ten que poñerse a cumprir e non enlear”, sinalaron desde o PP de Catoira, que lles advertiron aos afectados que “van ter que agardar bastante tempo ata que se retire esa instalación, porque o alcalde realmente non quere tirala, quere tela en pé para mentir sobre o PP co único obxectivo de obter rédito electoral con argumentos falsos”.

Finalmente, os populares de Catoira lembraron que o Concello tivo, nas últimas décadas, dous alcaldes, o socialista Alberto García e o nacionalista Xoán Castaño, “polo que hai que ter unha caradura política supina para, sen ter dirixido a nosa terra un só día, botarnos a culpa de que se levantara unha pirotecnia e agora de que a apoiamos para que non se derrube nun exercicio de equilibrimos surrealista”.