O PP de Catoira denuncia un novo episodio de grave contaminación por verteduras da EDAR no río e esixe ao goberno unha solución tras tres anos de pasotismo
Catoira, 26 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Catoira vén de denunciar un novo episodio de grave contaminación no río por verteduras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), polo que lle esixe ao goberno local de Xoán Castaño que comece a aplicar solucións tras tres anos de pasotismo para acadar o axeitado funcionamento desta instalación.
Os populares indicaron que o enésimo fallo da depuradora está a provocar a presenza de turbidez e suciedade no cauce fluvial, así como escuma, lama e lodo que impiden que se vexa o fondo do mesmo e ademais co agravante de que os elementos que causan esta situación proceden de augas fecais e residuais.
A voceira municipal do PP de Catoira, Estefanía Frieiro, lamentou que o Concello se desinhiba por completo deste grave problema, “que se acrecentou ata o extremo neste mandato, posto que a depuradora funcionaba razonablemente ben ata a chegada do BNG ao goberno”.
Neste senso, a concelleira indicou que existe un evidente deterioro nos traballos de mantemento, conservación e funcionamento da EDAR que ocasionan que as verteduras e os episodios de contaminación “sexan cada vez máis frecuentes” co conseguinte prexuízo ao sistema de saneamento e depuración de augas residuais e a axeitada protección tanto do medio ambiente como da calidade das augas.
Por iso, a edil popular reclamou un cambio urxente no formato de mantemento desta instalación hidráulica, “xa que o actual, se é que hai algún, está claro que non funciona”, e engadíu que a esta situación tamén se debe sumar un maior control no saneamento desta contorna para evitar a reiteración destes problemas.
O PP de Catoira lembrou que leva tempo advertindo do mal estado da EDAR e da necesidade de fomentar a limpeza e o mantemento dos ríos e indicou que, como consecuencia disto, as verteduras son frecuentes, como xa sucedeu o pasado mes de marzo nunha situación que foi resolta por Augas de Galicia “posto que o goberno de Castaño non fai o seu traballo”.
Ademais, lembrou que errática xestión en materia de depuración do executivo do BNG tamén está a ter un custe importante para as arcas municipais, que xerou o pago de miles de euros en multas polos casos de contaminación o pasado ano 2025.
Finalmente, Estefanía Frieiro criticou que, malia estes graves feitos, o goberno local opta exclusivamente pola “propaganda verde” a base de fotografías, publicacións e anuncios baleiros “que non se corresponden para nada coa realidade da súa xestión, que compromete a calidade da auga e o medio ambiente”.