O PP de Catoira denuncia o desmoronamento do paseo fluvial con graves problemas no valado de seguridade e na estrutura e urxe unha solución ante o risco de accidente
Catoira, 20 de maio de 2026.-
O grupo municipal do PP de Catoira vén de denunciar o desmoronamento do paseo fluvial, xa que o seu deterioro –denunciado en moitas ocasións polos populares– estase agravando a gran velocidade con importantes problemas no valado de seguridade de madeira e na propia estrutura e úrxelle ao goberno nacionalista que adopte algunha solución con urxencia ante o evidente risco de accidente.
Neste senso, os populares indicaron que este percorrido peonil ten falta de madeira nas barandas laterais, presenta táboas rotas e puntas ao aire nalgúns puntos, a estrutura tamén comeza a estar afecta pola humidade e nalgúns lugares tense recurrido a solucións totalmente chapuceiras e perigosas como a substitución dos inexistentes postes de madeira por uns simples cordeis.
A formación liderada por Estefanía Frieiro considera “inadmisible” o estado deste emblemático paseo, tanto por imaxe da vila como por seguridade dos seus usuarios, e advirte de que agora, coa chegada do bo tempo, incrementarase moito a cifra de caminantes, polo tamén medra o risco de accidente.
Ademais, desde o PP local cren que o pésimo estado desta instalación agrávase aínda máis tendo en conta que, hai pouco máis dun ano, foi obxecto dunha suposta mellora de seguridade coa instalación dunha malla metálica anticaída que non funciona, posto que está a ocasionar tropezóns e incluso algunha lesión, e ademais está podrecendo pola presenza de ferruxe.
“Estamos ante un goberno que non fai practicamente nada, pero o que fai está ou mal pensado ou mal executado, polo que nos atopamos cun executivo inservible, pero que, despois de tres anos, xa podía comezar a facer as cousas un pouco en serio porque imos esmorecendo a pasos axigantados”, manifestou Estefanía Frieiro, que lle pedíu ao alcalde que abandone dunha vez por todas a “política cosmética” de fotografías e anuncios baleiros e “comecer a facer actuacións orientadas a mellorar de verdade a vida dos veciños”.