O PP de Catoira denuncia a supresión de prazas de aparcamentos nas Lombas pola creación do parque termal e solicita a compensación desta perda de estacionamento
Catoira, 17 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Catoira vén de denunciar a supresión dunha ampla zona de aparcamentos na contorna das Lombas por mor das obras de construción do novo parque termal, o que ocasionará un evidente prexuízo aos residentes. Por iso, e máis alá da innecesariedade desta actuación, os populares solicitan que o goberno do BNG proceda alomenos á compensación desta perda de estacionamento nun lugar próximo ás vivendas deste lugar.
Neste senso, os populares consideran que As Lombas ten outras prioridades básicas moi por riba que a construción dun parque termal, como o adecentamento da fachada do campo de fútbol municipal ou a mellora do parque, polo que acusou ao executivo nacionalista de “crear problemas cos seus proxectos faraónicos, facendo que os veciños perdan aparcamentos, e non atender ás súas necesidades principais”.
Así, a formación liderada por Estefanía Frieiro lembrou que os propios residentes levan tempo cursando diversas demandas ao Concello, xa que o exterior do estadio que dá ás súas vivendas presenta un “evidente deterioro e unha clara degradación” que esixen alomenos un lavado de cara e a execución de labores de mantemento.
Ademais, o PP catoirense indicou que o parque sufre un “claro estado de abandono” con lousas levantadas polos efectos das raíces das árbores, o que xera risco para os peóns e unha imaxe de deixadez que fan necesario o seu adecentamento e a reparación deste espazo.
Ante esta situación, Estefanía Frieiro lamentou que o executivo nacionalista estea máis pendente de acometer proxectos que non responden ás necesidades básicas dos veciños de Catoira, e cos que dilapidan cartos que están a provocar un empeoramento da xa difícil situación económica do Concello, antes que de facer obras útiles para os cidadáns. “A prioridade do goberno debería ser escoitar aos veciños para dar solucións ao seu día a día e conservar os espazos públicos en boas condicións antes que acometer actuacións que eliminan aparcamentos e non responden ao que precisa a xente”, concluíu.