O PP de Catoira denuncia a falta absoluta de limpeza e rozas nas pistas municipais e na praia e lamenta que “se atopen a monte”

Catoira, 11 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Catoira vén de denunciar a falta absoluta de limpeza e rozas nas pistas municipais e na praia da localidade, así como nalgúns outros puntos moi empregados como os merendeiros, e lamentou que o concello “se atope a monte” ás portas do verán coas conseguintes molestias para veciños e visitantes.

Os populares concretaron que o areal de Catoira, emprazado nas inmediacións do clube de piragüismo e que se trata dun espazo moi frecuentado, “estea desbordado pola maleza ata o punto de que nin se ve nin se sabe que aí hai unha praia”. Ademais, indicaron que os camiños municipais adoecen dun total falta de conservación e mantemento de xeito xeralizado en todo o concello, pero concretaron que os espazos que se atopan en peor estado son as vías de Barral cara os petróglifos, a de San Cibrán pola beira do río e as de Catoira, Dimo e Abalo.

“Se o goberno de Xoán Castaño adicará a ter as pistas e os equipamentos en condicións a décima parte do tempo que destina facer fotos e anuncios baleiros que non se cumpren, teríamos o Concello en perfectas condicións, pero o problema é que levamos tres anos sufrindo a súa política do accesorio en vez de atender as cousas importantes”, manifestou a voceira municipal, Estefanía Frieiro, que revelou que as queixas dos veciños por esta cuestión son crecentes.

Ademais, a concelleira popular esixíu ao goberno nacionalista que, neste caso, reaccione de inmediato como fixo coas recentes denuncias ante o grave deterioro do paseo fluvial “co que se lle viron as costuras e que incluso foi admitido por eles mesmos, xa que non tardaron nin dous en anunciar un investimento de 77.000 euros que veremos se se cumpre porque esa é outra”.

Neste senso, revelou que semella que o goberno local “tenta agora comezar ás presas”, pero lamentou que malia iso non van chegar a tempo para ter as infraestruturas en condicións e non ofrecer unha mala imaxe do concello estes días que está no foco pola gravación do programa televisivo de Jesús Calleja. “Está claro que o máis importante son os veciños, pero tampouco podemos esquecer que estes días imos ser o centro de atención e, pola desidia do goberno local na limpeza, mantemento e conservación, Catoira non vai ofrecer a súa mellor imaxe”, concluíu Estefanía Frieiro.