O PP de Catoira alerta de que a mala situación económica do Concello segue estancada con 3,6 millóns de débeda viva e uns gastos anuais que superan en 535.000 euros aos ingresos

Catoira, 3 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Catoira vén de alertar de que a mala situación económica do Concello segue completamente estancada e sen visos de solución, incluso con algún atisbo de empeoramento, ao cifrar a súa débeda viva –coas entidades bancarias e financeiras– en 3.658.285 euros ao peche do ano 2024 e cuns gastos anuais que superan en 535.000 euros os ingresos recadados entre impostos e transferencias.

Neste senso, os populares revelaron que o pasivo real do Concello sitúase claramente por riba dos 5 millóns de euros, posto que ao adebedado aos bancos hai que engadir os 1.176.980 euros en facturas pendentes de pago no derradeiro trimestre do pasado ano e outras obras e servizos de exercicios anteriores que seguen se abonarse.

No marco da débeda viva coas entidades bancarias, a situación é “pouco alentadora”, posto que os case 3.7 millóns do peche de 2024 apenas se están a rebaixar no que vai de ano, posto que apenas se satisfixeron 127.875 euros nos catro primeiros meses do ano, segundo revelou a voceira municipal, Estefanía Frieiro, que engadiu que “a este ritmo, a débeda bancaria que afoga ao noso Concello desde hai tempo tardará moitísimos anos en saldarse”.

Pero é que a esta situación hai que sumarlle o “terrible desfase” na situación económica que  está a padecer o Concello durante os dous anos de mandato do nacionalista Xoán Castaño, posto que o ano 2024 pechouse cunha recadación global de 3.342.000 euros, con apenas 3.000 euros máis pendentes de cobro, mentres que os gastos comprometidos disparáronse ata os 3.877.000 euros, segundo os datos oficiais facilitados ao PP polo Concello.

“Esta xestión non ten nin pés nin cabeza, porque o goberno do BNG eleva a previsión de ingresos por riba dos 4 millóns, achega os gastos a esa cantidade e logo, como se recada 3,3 millóns, as débedas, como se foran poucas, seguen aumentando e así non son quen nin de pagar as facturas, porque é unha vergoña que pecharan o pasado ano con case 1,2 millóns de euros de obras e servizos sen abonar”, detallou a concelleira popular.

Por elo, Estefanía Frieiro solicitou ao goberno local que aplique de inmediato un plan de choque no eido económico baseado principalmente na contención de gastos superfluos “que, como todos os veciños saben, son excesivos” e só conducen a que o Concello de Catoira sexa o segundo máis incumpridor da provincia no pago de facturas, con 261,75 días de media, case oito meses por riba do máximo legal permitido.

“A xestión económica de Xoán Castaño e do BNG é, tristemente, a mesma que a de Alberto García, propia en ambos casos dos partidos de esquerdas, que gastan diñeiro sen control e sen utilidade social e poñen en perigo tanto os servizos municipais como a viabilidade das pemes e autónomos que traballan para o Concello afogando a súa liquidez”, concluíu a edil do PP.