O PP de Catoira acusa ao alcalde Xoán Castaño de perder 31 meses de mandato co proxecto das beirarrúas de Dimo e cre que xa “chega moi tarde” para facelas neste mandato

Catoira, 21 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Catoira vén de lamentar a xestión que está a facer o goberno local do BNG para a execución do necesario proxecto das beirarrúas na estrada provincial EP-8703 ao seu paso pola parroquia de Dimo e acusou ao alcalde, Xoán Castaño, de perder 31 meses do presente mandato con esta necesaria actuación, xa que na actualidade nin sequera conseguíu todos os terreos, que é un trámite imprescindible para a súa construción por parte da Deputación de Pontevedra.

De feito, a voceira municipal, Estefanía Frieiro, cre que os supostos movementos do rexedor “chegan moi tarde” para que se poidan acometer no presente mandato, xa que lembrou que os Orzamentos da Deputación para o presente ano xa se  pecharon o pasado outono e quedaron aprobados hai dous e, loxicamente, non inclúen ningunha partida para Dimo posto que non dispoñía dos terreos para esta senda peonil.

A concelleira do PP lamentou a ineficiencia do rexedor por tardar case tres anos, dado que el mesmo recoñeceu que retomou o proxecto en 2023 tras a súa investidura, en comezar a conseguir os terreos precisos para construír estas beirarrúas e advertíu que na actualidade nin sequera os ten todos posto que lle falta unha parcela. “Se o alcalde se tomara en serio este proxecto e as necesidades dos veciños de Dimo comezaría a traballar hai moito tempo, non agora, que botou a correr dando a sensación de que pretende simplemente vender fume e buscar rédito electoral antes que conseguir a execución desta obra”, sinalou a edil.

De feito, Estefanía Frieiro cre que, se a parcela que falta non a conseguíu ata agora, non o vai facer nas próximas semanas e vai ter que recurrir á expropiación da mesma, o que adiaría o comezo do proxecto, como mínimo, ata o ano 2027. “Se houbera traballado de verdade desde o comezo do mandato, un hipotético proceso de expropiación xa estaría rematado e as obras poderían estar en marcha, pero falta xestión, traballo, colaboración e vontade, así que cremos que non hai nada que facer e agardamos que un futuro goberno do PP faga dunha vez por todas estas beirarrúas que as forzas de esquerda levan sendo incapaces de acometer pese a anuncialas nos últimos nove anos”, significou.

Finalmente, a concelleira popular tamén criticou as esixencias do voceiro socialista e ex alcalde, Alberto García, con respecto a este proxecto candon nin fixo nada para conseguilas tras décadas dirixindo o Concello. “O un polo outro e casa sen varrer e, ademais, con leas entre PSOE e BNG que non contribúen en nada a conseguir investimentos doutras administracións, neste caso, en Dimo para o noso municipio”, concluíu.