O PP de Cangas denuncia que o servizo de recollida de lixo se atopa ao límite tras a redución de frecuencias
Cangas, 23 de xuño do 2026.
Cangas atópase nunha situación límite na xestión de residuos. A incerteza sobre o futuro contrato, sumada ao desleixo dos responsables da Mancomunidade, liderada polo BNG e os seus socios, está a provocar unha degradación constante do servizo. Ante esta situación, a líder do Partido Popular de Cangas denuncia a estratexia do goberno local (BNG, PSOE e EU) de trasladar á veciñanza a responsabilidade da súa propia ineficacia.
«É un insulto á intelixencia que a alcaldesa e os seus socios exixan aos veciños que reciclen máis, cando son eles mesmos os que dificultan a tarefa eliminando puntos de reciclaxe, reducindo a frecuencia de recollida e deixando contenedores queimados ou rotos sen repor durante meses» explica. Para a voceira do grupo maioritario da Corporación, o discurso do goberno é unha manobra de distracción para tapar que o servizo está desmantelado.
Hermelo tamén cuestiona as cifras que manexa o tripartito sobre o custo de enviar o lixo a Sogama. «A alcaldesa tenta asustar aos veciños cun custo por tonelada inflado, ignorando deliberadamente as importantes achegas que realiza a Xunta de Galicia, como as canalizadas a través do Fondo de Compensación Ambiental ou os ingresos de Sogama á Mancomunidade pola xestión da planta da Portela que actúa como instalación de transferencia” destaca.
“Unhas aportacións que permiten reducir o custo real e polo que a Xunta asume o 70% do incremente do canon provocado polo Goberno central apoiado polo BNG » subliña. A popular acusa ao goberno local de manipular os datos para xustificar unha taxa de lixo que, en realidade, vai servir para cubrir o buraco financeiro que eles mesmos xeraron.
A esta falta de medios súmase o colapso nas peticións de retirada de enseres no Punto Limpo e a falla de apoio aos veciños que necesitan retirar restos vexetais para limpar as súas fincas, unha labor esencial nestas datas para a prevención de incendios. «Temos un servizo que non recolle, uns camións en mal estado que non poden máis e un goberno que, en lugar de buscar solucións, prefire culpar aos cidadáns da súa xestión é insostible», sentenciou Dolores Hermelo. O PP esixe unha inspección inmediata do servizo e que se garanta o mantemento básico antes de que a chegada de visitantes na tempada estival colapse totalmente o servizo.