O PP de Cangas denuncia que as praias xa sofren os incumprimentos e abandono do BNG e os seus socios

Cangas, 30 de xuño do 2025.

No Pleno da Corporación do pasado venres o Partido Popular de Cangas presentou unha moción que foi aprobada coa oposición do BNG e os seus socios na que se requiriu ao Goberno local o mantemento dos servizos nos areais e o cumprimento dos aspectos obrigatorios establecidos polo programa Bandeira Azul. “Se é certo que a renuncia deste recoñecemento é para ampliar e mellorar servizos, resulta incongruente o voto do equipo de goberno” reflexionan. Entre eles hai aspectos de información e educación ambiental, de calidade de auga, xestión ambiental, seguridade e servizos.

Con todo, esta fin de semana, o primeiro do verán, quedaron en evidencias as numerosas deficiencias nos areais da vila. “Hai praias sen balizar, aínda que a ordenanza municipal sinala o inicio da época de baño o 15 de xuño, os baños seguen pechados e as duchas sen funcionamento así como os espazos destinados aos traballadores do servizo de socorrismo, privatizado este ano a pesar dos acordos plenarios contrarios a esta decisión, presentan un estado lamentable e non reúnen as condicións para acoller a estes profesionais” enumeran os populares. “A veciñanza sofre en primeira persoa as promesas incumpridas e o nulo traballos dos actuais responsables municipais” critican. “Por moito que boten a funcionar o ‘botafumeiro’, a realidade é ben tozuda” engaden.

O grupo maioritario da Corporación inciden en que non hai ningunha mellora na prestación de servizos, “o que deixa en evidencia as mentiras do BNG a este respecto” resaltan. “Lonxe diso o que hai son máis recortes: menos praias con socorristas, nulo mantemento dos accesos e entorno dos areais, mala sinalización, cero accións ambientais,… Todo isto cun orzamento récord con máis de 19 millóns de euros” reflexionan. A formación presta especial atención na seguridade e critican a improvisación do tripartito neste ámbito.

“Convocaron a Xunta Local de Seguridade ás portas do verán polo que resulta imposible contar coa debida planificación” destacan. “Unha reunión que deixou en evidencia o nulo traballo e incompetencia do BNG e os seus socios que foron incapaces de presentar a planimetría comprometida en abril do 2023 para repartir os lugares de actuación entre Garda Civil e a Policía Local” recordan. “Agora pretenden facer o que non fixeron en 13 meses en catro días mediante un contrato de urxencia a unha empresa para que faga ese traballo” critican.

“A veciñanza viviu o caos circulatorio esta fin de semana que anticipa a dinámica dos vindeiros meses. O problema non son o visitantes á vila senón a falta de medidas por parte dun Goberno local incapaz de xestionar e que só sabe saír na foto e vender fume”. “A estas alturas do mandato non ten cabida o botar balóns fóra ou sinalar a outros da propia incompetencia” continúan. “Unha desidia que desgraciadamente condena un ano máis as veciñas e veciños das distintas aldeas do Hío e Aldán a permanecer atrapados nas súas vivendas, sen poder transitar polos viais das súas parroquias” denuncian.

“Este goberno se desentende dos servizos que debe prestar respecto dos areais, privatiza o que sucede dentro dos areais e seguro que vai responsabilizar dos problemas do tráfico a Garda Civil. Como si o goberno local non tivese ningún cometido nin responsabilidade neste gran problema. Unha nova desfeita deste goberno e todo por non traballar”, rematan.