O PP de Cangas augura un verán “negro” na seguridade nas praias pola improvisación do BNG e os seus socios
O Partido Popular de Cangas manifesta a súa preocupación respecto á seguridade nos areais do municipio despois dun fin de semana marcado polas evacuacións en helicóptero de varias persoas nas praias de Nerga e Barra. Os populares auguran un verán “negro” dada a improvisación do BNG e os seus socios cunha privatización “forzada” do servizo de salvamento municipal mediante un proceso negociado despois de quedar deserta a licitación. “É lamentable que ata o 9 de xuño non se soubera quen ía a prestar este servizo” valoran. “Logo dirán que non encontran profesionais porque a estas alturas xa están comprometidos con outros concellos ou empresas” continúan. “Cada verán os mesmos problemas e sempre as mesmas escusas pero xa non enganan a ninguén”.
“Agora sabemos, adxudicado o contrato, que a veciñanza contará cun servizo de socorrismo reducido en horario e en números de praias respecto ao 2023” denuncian en referencia a que o seu inicio pasa das 12.00 horas ás 13.00 e a praia de Areamilla queda sen servizo. “Onde está a mellora da calidade do servizo?” cuestionan. “Unha vez máis asistimos a un novo exemplo de privatizacións express e pola porta de atrás no que o Concello pon case todo o material e as embarcacións e a empresa o persoal co único obxectivo de abaratar os custes laborais” explican. “Logo están detrás da pancarta o 1 de maio” ironizan. “Son todo un exemplo de coherencia” engaden. “Incluso están exercendo de ETT da empresa, chamando aos traballadores que ata agora traballaban no servizo para que se poñan en contacto coa empresa, unha actuación moi cuestionable se atendemos á Lei de Protección de Datos”.
O grupo maioritario da Corporación tamén alerta que todo este proceso tamén retrasou o balizamento das praias. “Mentres outros concellos da nosa contorna xa teñen estes traballos avanzados Cangas volve a ser a excepción para mal” critican. “Uns elementos básicos que velan pola seguridade dos bañistas” subliñan, “e que deberían estar instalados para o inicio da tempada de baño que a ordenanza municipal en vigor sitúa no 15 de xuño” destacan. “A estas alturas non sorprende a ninguén que incumpran as ordenanzas coa mesma falta de pudor que incumpren os acordos plenarios”.
“Estes feitos amosan o desinterese e irresponsabilidade do actual equipo de goberno, incapaz de aprender dos seus propios erros e de levar a cabo a máis básica programación na posta en marcha dos servizos públicos municipais”. “Feitos que deixan patente a falta de traballo do tripartito, máis preocupado nos anuncios baleiros e en saír na foto que en resolver os problemas do noso municipio” rematan.