O PP de Cambados tilda de “patético” que o Concello celebre a concesión de axudas e as licitacións de melloras nas instalacións deportivas, xa que nunca executa as obras

Cambados, 18 de abril de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados vén de calificar de “patético” que o cuatripartito saque peito e presuma da concesión de axudas da Deputación e da licitación das obras de mellora nos pavillóns do Pombal e Santomé, xa que lembrou que esa só é a primeira parte para que se convirtan en realidade, sinalando que logo nunca é capaz de executar as obras, tal e como sucedeu nos últimos tres anos en todas as instalacións deportivas.

“Levamos todo o mandato, desde o ano 2023, sen ver nin unha sóa actuación de relevancia nos pavillóns, os campos de fútbol ou os recintos deportivos malia que se atopan en moi mal estado e, nalgúns casos, ata con risco de accidente e para a integridade dos usuarios por desplome de elementos. Ata o momento o cuatripartito só protagonizou en materia deportiva pérdidas de fondos que xa tiña concedidos, o que supón unha grave neglixencia, ou contratacións fallidas que incluso acaban en indemnización por parte do Concello, polo que recomendámoslles que non poñan o carro antes dos bois, xa que as necesarias melloras nos polideportivos do Pombal e Santomé aínda están moi lonxe de ser unha realidade e máis coñecendo o seu baixo nivel de xestión”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole.

Por iso, a concelleira do PP instou ao executivo a traballar con dilixencia, con prudencia e con humildade para que estas reformas saian adiante dunha vez por todas tras varios intentos fallidos: “Con todo o que levan feito en infraestruturas deportivas nestes tres anos, que é a nada máis absoluta, en vez de fachendarse e sacar peito debían pedir perdón e traballar discretamente para que sexan realidade, porque tamén alardearon moito dos 87.000 euros da Deputación para o primeiro intento do Pombal ou dos 65.000 para Burgáns e eses cartos acabaron de volta na caixa provincial por falta de titularidade do pavillón e sen poder executarse no campo de fútbol por problemas no proxecto, respectivamente”.

Neste senso, a edil popular indicou que as obras deportivas no Pombal, Santomé e Burgáns –tamén en proceso– chegan moi tarde “en caso de que sexan capaces de acometelas todas”, xa que lembrou que, no caso do polideportivo do colexio, xa van xustos de prazo e iso que aínda teñen unha oportunidade grazas a que a Deputación, que concedeu os 160.000 euros ao abeiro do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID), ampliou o período de xustificación de abril a outubro, porque en caso contrario a axuda para a obra xa se perdería outra vez.

Finalmente Sabela Fole tamén lembrou que seguen pendentes outras actuacións, como a reforma da piscina municipal, a reapertura do espazo deportivo de Oubiña, no que seguen sen rematarse os traballos necesarios, ou a creación dunha nova instalación en Vilariño, que quedou excluída dunha liña de axudas da Xunta xa que non estaba orientada a recintos deportivos.