O PP de Cambados sinala que a contratación urxente de tres funcionarios confirma que o cuatripartito admite o mal funcionamento de Urbanismo, Servizos Sociais e Contratacións
Cambados, 10 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Cambados vén de sinalar que o anuncio do alcalde, Samuel Lago, de que se contratará de xeito urxente a tres funcionarios -un traballador social, un arquitecto técnico e un especialista en contratacións e asesoramento xurídico- fóra da negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello supón a confirmación por parte do propio goberno cuatripartito de que existe un mal funcionamento dos departamentos de Urbanismo, Servizos Sociais e Contratacións.
“Se todo funcionara ben e as nosas denuncias e as innumerables queixas dos veciños non tiveran razón de ser non actuarían con tanta celeridade, e iso no caso de que sexan capaces de sacar estas incorporacións adiante, pero isto supón que o propio goberno admite que teñen moi mal organizado e xestionado o Concello”, manifestou a voceira popular, Sabela Fole, que lembrou que levan os tres anos de mandato denunciando o colapso destes tres departamentos dentro do mal funcionamento xeralizado do Concello exclusivamente pola falta de persoal.
Neste senso, a concelleira do PP indicou que os profesionais destas concellerías “fan un grandísimo traballo, por riba do que lles toca, e se esmeran en atender aos veciños e resolver todo o que poden, pero están desbordados porque o goberno deixounos abandonados, con prazas sen cubrir, en precario e con recurtes ata converter a situación en insostible e iso acabano pagando os veciños”.
Así, Sabela Fole concretou que en Urbanismo existe un retraso enorme na concesión de licenzas que provoca que moitos cidadáns desistan e se acrecente a paralización da vila, mentres que en Servizos Sociais pasa exactamente o mesmo nun departamento que debía ser prioritario posto que atende á xente con máis necesidades. No caso de Contratación, cómpre sinalar que o Concello de Cambados ten “o récord da provincia” en licitacións fallidas con erros nos proxectos e nas cantidades, o que provoca que as obras se perdan ou se retrasen, e incluso que haxa que rescindir contratos e indemnizar ás adxudicatarias.
Ante esta situación, a voceira municipal lamentou que o goberno de Samuel Lago actúe “tarde, mal e arrastro” porque esta situación puido coutarse hai anos, aínda que cre que o retraso nestas incorporacións, que aínda van tardar en producirse, débese á falta de fondos pola mala xestión económica do cuatripartito.
Finalmente, Sabela Fole ironizou coa importancia que o alcalde lle dou á actualización da RPT despois de calificala de obsoleta “como se o multipartito non levase máis de once anos ao fronte do Concello” e cre que a necesidade de negociar este documento cos sindicatos foi empregado como “excusa” para seguir retrasando a aprobación dos orzamentos de 2026, xa que tras reunirse coas organización decidiron que unha comisión arranque os seus traballos en xullo e prolongar os mesmos durante meses, “polo que está claro que non inflúe en nada para a aprobación das contas, sobre as que semella que hai algo raro tras as fortes diverxencias públicas sobre o seu contido entre os propios socios do cuatripartito”.