O PP de Cambados responsabiliza a Samuel Lago en exclusiva destes tres anos de desfeita e da crise do multipartito e reclama que se bote a un lado “polo ben do pobo”
Cambados, 25 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de facer unha valoración da ‘semana grande’ da grave crise do multipartito responsabilizando en exclusiva ao alcalde, Samuel Lago, da ruptura do executivo e do espectáculo dantesco destes días e dos tres anos de desfeita do Concello con perdas millonarias de subvencións, recurtes nos servizos públicos, mal funcionamento dos departamentos, falta de limpeza e ausencia total de proxectos estratéxicos, entre outras eivas.
Os populares sinalaron ademais que as súas críticas durante todo este mandato ante o “deterioro absoluto” do Concello e a desatención aos veciños “non eran só o noso posicionamento político, senón unha realidade obxectiva”, xa que as mesmas foron confirmadas polo rexedor nas súas xustificacións sobre o despido do edil independente José Ramón Abal.
Ademais, consideran que Samuel Lago “non pode falar da degradación municipal como se non fora con el”, xa que lembraron que é o principal responsable, “polo que dado que foi o artífice deste problemón no que ten sumido a Cambados, nunca vai poder ser parte da solución”. Polo tanto, e apelando ás súas manifestacións de dignidadade, reclamáronlle que se bote a un lado “polo ben do pobo”, xa que neste tempo amosou falta de liderado, de valentía política, de capacidade e de xestión.
“Cremos que Samuel Lago está facendo o contrario do que di, xa que se está aferrando ao cargo e ao saldo, ao modo de Pedro Sánchez, malia que xa demostrou que non ten solucións para Cambados e vai estar na súa cadeira do Concello contra o desexado pola inmensa maioría dos veciños e tamén do pleno, así que nestes dez meses ata as eleccións non podemos agardar absolutamente nada, o único que empeore aínda máis a situación”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole.
Así, os populares auguran un maior deterioro do funcionamento municipal, xa que, aínda que calificaron co cuatripartito como o “peor goberno da historia de Cambados”, lembraron que se sostiña con nove edís, polo que agora “seguirán sendo os mesmos que demostraron a súa incapacidade e que nos trouxeron ata aquí”, pero nunha situación de maior debilidade ao quedar en minoría.
Desde o PP tamén ironizaron sobre a xustificación do alcalde de botar a Abal por unha cuestión de dignidade e cren que ditas manifestacións son propias dun “caradura político”: “Dixo que o concelleiro independente entorpeceu ao goberno durante tres anos, pero entón porque non o cesou antes? Non había dignidade nos anos anteriores? Todo isto demostra que a Lago só lle importa, totalmente ao revés do que dixo, ser alcalde, non o ben dos veciños. Pero ademais a súa dignidade queda totalmente polo chan cando di que está disposto a volver a pactar con Abal en 2027, porque sabe, dado que é o alcalde menos votado da provincia de Pontevedra –con só o 22%–, que vai volver perder rotundamente as eleccións e que a única esperanza de que recunque como alcalde pasa polo voto de Cambados Pode”.