O PP de Cambados reproba ao alcalde pola deixación de funcións na xestión do Plan Extra e pídelle o cese de José Ramón Abal como responsable da perda dos 429.000 euros

Cambados, 21 de marzo de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados, tras analizar o cronograma de feitos da concorrencia e perda dos fondos do Plan Extra da Deputación, quere reprobar a actuación do alcalde, Samuel Lago, pola súa absoluta deixación de funcións na xestión deste programa provincial de investimentos e, ademais, quere solicitarlle que cese de inmediato ao concelleiro de Obras, José Ramón Abal, como responsable directo da perda dos 429.000 euros para a construción dun skate park no Pombal.

En primeiro lugar, os populares censuran que o rexedor deixase en mans dun só concelleiro –como el mesmo admitíu aos medios de comunicación o día que se coñeceu a resolución–, que ademais representa ao partido menos votado da corporación, a consecución dun proxecto estratéxico, tal e como reflectían as bases do Plan Extra. “Estamos ante unha anomalía que exemplifica a perfección as moitas deficiencias do cuatripartito, que non funciona como un goberno, senón como catro departamentos estanco e no que hai que ir contentando a uns e a outros e non atendendo ao interese xeral dos cambadeses”, lamentou a voceira municipal, Sabela Fole.

Ademais, a concelleira do PP quere coñecer publicamente os posicionamentos de Somos e do BNG, xa que lle consta que existe un forte malestar en ambas formacións, “porque o alcalde lles di que hai que recurtar, que non hai cartos e, ao mesmo tempo, vén como as oportunidades e os cartos voan por ineficacia”.

Así mesmo, os populares cambadeses sinalaron que o concelleiro de Obras “chegou con este episodio ao cumio da súa incapacidade, tras tres anos maltapando fochancas e tendo as rúas, os equipamentos e o rural no peor momento da súa historia, simplemente por non ler as bases e non chegar ao investimento mínimo esixido de 450.000 euros”.

E todo iso sen engadir que, en calquera caso, a oportunidade da Deputación xa estaba desaproveitando, posto que Cambados, polo seu nivel de poboación, podería aspirar a ata 900.000 euros de achega provincial con este plan. Por iso, para o PP o alcalde debería cesar de inmediato a José Ramón Abal e colocar ao fronte de Obras a alguén máis competente no seo do goberno, algo que consideran que “é bastante sinxelo”.

Finalmente, Sabela Fole tamén lamentou as “excusas baratas” do goberno sinalando a falta de chamadas polas deficiencias do proxecto ou que a contía era subsanable simplemente incrementando o orzamento, “que é algo que nos preocupa moito, xa que apunta a que poden variar as cifras segundo lle pete para que cadren”. En todo caso, cre que estes intentos baleiros de xustificación tanto de Samuel Lago como de José Ramón Abal non son máis que “unha pataleta infantil” para seguir sen facer autocrítica nin unha soa vez neste mandato malia a súa errática xestión e para non admitir a “total impotencia dun executivo absolutamente inservible para Cambados”.