O PP de Cambados reivindica o seu traballo de xestión na consecución da residencia e insta ao tripartito a sumarse ao proxecto da Xunta e conseguir os terreos
Cambados, 15 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Cambados vén de amosar a súa “enorme satisfacción” pola inclusión do concello no Plan de Residencias da Xunta de Galicia, o que permitirá que a vila acolla un dos sete centros asistenciais autonómicas que se construirán na provincia de Pontevedra en caso de que o goberno local sexa capaz de cumprir cos requisitos. Os populares quixeron tamén reivindicar o seu traballo de xestión na consecución desta importante actuación social e, paralelamente, para garantir que se culmine con éxito, veñen de instar ao executivo de Samuel Lago -a través dunha moción que se debatirá no próximo pleno- a sumarse ao plan da Xunta no prazo estipulado dun mes e a conseguir os terreos e poñelos a disposición do Goberno galego nun máximo dun ano.
En primeiro lugar, os populares cambadeses aplaudiron a sensibilidade e o compromiso do Goberno galego co municipio para dotalo dun centro asistencial de última xeración e lembraron que esta actitude de Alfonso Rueda e o seu equipo “simplemente dá continuidade aos millonarios investimentos que está a facer en Cambados nos últimos anos, como o saneamento, a depuradora ou as actuación portuarias e pesqueiras, entre moitas outras”. Así mesmo, felicitáronse porque a iniciativa política liderada polo PP local, e realizada de xeito discreto nos últimos meses con Sabela Fole ao fronte, dera os seus froitos.
“O papel da nosa voceira foi fundamental para que vaiamos ter unha residencia, porque está claro que o alcalde e o seu goberno multipartito en crise permanente e faltos de respecto institucional e actitude democrática, como se demostrou co pleno dos festivos, non son interlocutores válidos para ningunha administración. Polo tanto foi gracioso ver a Samuel Lago tratar de poñerse a medalla cando se queixou de que non o recibían, polo que non sabemos que fixo nin como cando se laiou de que non se reunían con el, polo que non se pode soprar e sorber á vez”, manifestaron desde o PP.
Aínda así, desde o PP de Cambados admiten o seu “absoluto temor” a que o goberno local desperdicie esta oportunidade “como tristemente sucedeu con tantas outras que pasaron pola nosa porta neste mandato con millóns de euros perdidos en axudas e investimentos, xa que advertiron que a incapacidade de xestión do executivo “é coñecida e recoñecida” incluso nun caso coma esta no que os requisitos son ben sinxelos.
Polo tanto, esíxenlle que “se poña as pilas” e abandone a súa habitual política de queixas e excusas e se incorpore ao plan autonómico no prazo dun mes, que é algo no que non debería haber problema, e posteriormente consigan unha parcela de superficie suficiente e coa correspondente catalogación urbanística para cederlla á Xunta nun prazo dun ano. “Que traballen desde xa, posto que hai unhas eleccións municipais polo medio e non queremos que Cambados teña outro disgusto pola súa falta de traballo”, concluiron.