O PP de Cambados reiterará a proposta de reactivación do urbanismo local para incrementar os ingresos fronte á mala situación económica e ante o desacordo do cuatripartito para subir o IBI

Cambados, 6 de setembro de 2025.

O grupo municipal do PP de Cambados vai reiterar a súa proposta de reactivación do desenvolvemento urbanístico local por parte do Concello para incrementar os ingresos co obxectivo de afrontar a mala situación económica das arcas municipais dado que considera que a alternativa do alcalde, Samuel Lago, de subir o Imposto de Bens Inmobles (IBI) nun 35% está totalmente aparcado polo desacordo do cuatripartito.

Deste xeito, e ante a necesidade de conseguir 500.000 euros anuais máis para manter os servizos municipais, a voceira popular, Sabela Fole, anunciou que van presentar unha moción no próximo pleno na que solicitarán unha actuación urxente de desenvolvemento das Unidades de Xestión e doutras zonas urbanizables de Cambados que, por outra banda, era un dos compromiso incumpridos desde hai moitos anos polo cuatripartito e especialmente polos representantes de Somos Cambados ao fronte desta área.

Segundo explicou a concelleira, a posta en funcionamento deste espazos, tanto coa creación de vivendas protexidas e de promoción pública como por parte do mercado privado, daría solución ao dificultoso acceso á vivenda en Cambados, que provoca que moita xente estea a mercar en municipios veciños, e aumentaría a recadación por parte das arcas do Concello. Así, aumentarían tanto os ingresos do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que veñen de desplomarse en 170.000 euros anuais, como do Imposto de Bens Inmobles (IBI) procedente das novas edificacións.

Para o PP cambadés, esta alternativa é a mellor solución, “posto que ten unha dobre funcionalidade, tanto residencial como impositiva”, e serviría para superar o “calexón sen saída” no que se meteu o rexedor coa súa proposta de aprobar un “sablazo” do IBI que, máis alá do absoluto rexeitamento dos populares, xera opinións diversas no seo do cuatripartito. Ao respecto, semella que BNG e Somos a respaldan, pero Cambados Pode só aceptaría unha suba mínima “malia que iso supoña que José Ramón Abal incumprise o seu compromiso electoral, recollido no seu programa, de baixar o tipo ao mínimo legal do 0,4 para favorecer a reactivación xeral do municipio”.

En calquera caso, e tras catro meses sen avances nesta materia, Fole considera que a proposta de Samuel Lago está “totalmente morta” e advertíu de que, se intenta reactivala, atoparase coa oposición frontal do PP por ser totalmente desborbitada e porque considera que os 11 millóns de euros que manexa cada ano o Concello “son máis que suficientes para a nefasta xestión que sufrimos e que, por moito que teñan máis cartos, imos a seguir sufrindo, así que consideramos que non pode ser a costa dos petos dos veciños”. “Un alcalde que fai unha proposta e que non é capaz de sacala adiante confirma que é un líder totalmente débil e acurralada e que preside un cuatripartito con esas mesmas características”, concluíu a voceira.