O PP de Cambados propón a reactivación do urbanismo para construír vivenda e aumentar a recadación do ICIO e a supresión de gastos irregulares como alternativa á suba do IBI
Cambados, 7 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de propoñer distintas alternativas para evitar a suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que pretende acometer o cuatripartito para corrixir o déficit das contas do Concello e que pasarían pola reactivación inmediatata do urbanismo local para favorecer a construción de vivenda e aumentar a recadación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e a supresión dos gastos irregulares que se realizan sen procedemento e sen partida orzamentaria.
Os populares cren que o plan financeiro impulsado polo goberno local ten un punto de partida que pasa polos recurtes de 400.000 euros anuais nas distintas concellerías nos exercicios 2025 e 2026, respectivamente, polo que considera que é relativamente sinxelo chegar a cubrir o déficit, cifrado en 629.000 euros segundo a liquidación de 2024 e que se prevé similar para o presente ano.
Por elo, e para alcanzar eses 230.000 euros que faltan para cubrir os números vermellos e incluso para acadar unha cifra superior que permitan facer investimentos ou abordar outras cuestións, o PP propón a reactivación inmediata do urbanismo local, principalmente a través do desenvolvemento das Unidades de Xestión (UX), “que levan unha década practicamente paradas”.
“Se o cuatriparto se tomara o urbanismo en serio, comezando por dotar de persoal ao departamento e por exercer como axente activo, conseguiríamos dous obxectivos, xa que habería máis vivenda e a xente non tería que ir a mercar pisos a outros concellos dada a actual demanda que hai, e aumentaríamos moito os ingresos do ICIO, que caeron en 170.000 euros. Só recuperando esta cantidade xa case teríamos cuberto o déficit, pero cremos que, dada a necesidade que hai de vivenda, podería superarse con creces esa cifra”, sinalou a voceira municipal, Sabela Fole.
Ademais, a concelleira popular cre que outra alternativa, aínda que se poderían acometer as dúas accións políticas, pasaría por suprimir por completo os máis de 900.000 euros anuais de gastos irregulares, “que son aqueles que se acometen sen procedemento e sen que haxa fondos no orzamento e que poderíamos denominar pantasma porque teñen un uso puramente caciquil”.
“Só con estas dúas iniciativas o Concello disporía dun millón de euros máis, como mínimo, que, engadidos aos 400.000 cos que pretenden apretarse o cinto nas concellerías, dá de sobra para axustar as cifras e ter un superávit co que facer algo de proveito tras unha década de retroceso e recurtes”, sinalou.
Finalmente, Sabela Fole reiterou que, dado que hai alternativas, que o PP propón de xeito construtivo, a súa formación vaise opoñer por completo á que se proceda á suba do IBI, se é que finalmente se leva a cabo dadas as importantes diferenzas de criterio entre os catro socios: “Hai moitas opcións para cubrir os números de vermellos, pero as forzas de esquerda queren recurrir á vía fácil de espetarlle un ‘Catastrazo’ aos veciños para tapar os seus pufos e desmáns. Pero aí vannos atopar enfronte porque está claro que hai onde rascar sen asaltar os petos da xente para cubrir a súa nefasta xestión”.