O PP de Cambados pídelle “prudencia e sentidiño” a Tino Cordal na reordenación dos mercadiños, “xa que cada tema que xestionan as concellerías de Somos acaba en fracaso”

Cambados, 5 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados pídelle “prudencia e sentidiño” ao concelleiro de Comercio, Tino Cordal, ante a súa intención de proceder á reordenación dos mercadiños dos mércores e dos sábados e cuxas primeiras intencións están espertar queixas e dúbidas entre os vendedores ante a posible perda de espazo, as discriminacións cos postos temporais que só acuden no verán ou a posible perda de vendas pola saturación de postos.

“Podemos estar a favor de poñer un pouco de orde e de actualizar o censo dos vendedores, pero que antes de actuar pensé ben as cousas, porque os antecedentes nos din que cada tema que xestionan as concellerías de Somos Cambados sempre acaba en absoluto fracaso”, sinalaron os populares.

O PP local lembra que a lista de xestións, proxectos e servizos que empeoraron tras o paso do partido independente é interminable, “e ademais non o dicimos nós, senón que foron admitidos polo propio Tino Cordal nun xesto que lle honra e que imaxinamos que é para compensar a súa ineficiencia”.

Neste senso, indicaron que, só nas últimas semanas, o concelleiro de Somos admitíu que foi un erro baixar o IBI ao 0,46 cando levaban as competencias en Facenda, que fixeron, segundo as propias palabras, as “contas da leiteira” coas unidades de xestión cando tiñan Urbanismo e que están a provocar unha auténtica parálise na tan necesaria creación de vivenda, o escándalo no reparto das axudas aos clubes deportivos beneficiando á entidade que presidiu a súa compañeira e responsable de Deportes, Noelia Gómez, ou os recurtes na partida das comisións de festas que logo foi rectificado ante as protestas e que son competencia do propio Cordal como edil de Festexos, por só citar algúns exemplos.

“Xa sabemos que é un partido cun absoluto declive, algo normal comprobando a súa xestión nestes seis anos, e que se atopa totalmente de saída posto que cumpríu o seu ciclo vital con efectos nefastos para Cambados, así que, dado que todo o que toca Somos sae rematadamente mal, pedímoslles que estean quietiños nestes dous anos que quedan de mandato, que non lle fagan máis mal a este pobo e que se vaian con certa dignidade”, concluíron desde o PP.