O PP de Cambados lamenta que Somos e o cuatripartito “perdan o tempo cunha moción inservible” pedindo unha residencia en vez de traballar para presentar o mellor proxecto
Cambados, 27 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar que Somos e os seus socios do cuatripartito presenten ante o pleno unha “moción inservible” para, entre outras cuestións, demandar a construción dunha residencia pública no concello por parte da Xunta, xa que considera que se trata “dunha perda de tempo” e que debían adicar todo o seu tempo e o seu esforzo en presentar o mellor proxecto no concurso público autonómico.
“Todos os grupos municipais estamos a favor de que veña unha residencia para Cambados ou calquer outro investimento que beneficie aos veciños, así que esta moción só serve para que o cuatripartito se autoafirme e para facer mala política, porque está claro que nin a Xunta nin ningunha administración vai caciquear nun concurso público só pola aprobación dunha moción no pleno dun concello”, explicou a voceira municipal, Sabela Fole, que precisamente instou ao cuatripartito a “traballar arreo” na consecución dos terreos urbanísticamente idóneos, a cumprir cos requisitos, a redactar un gran proxecto, a ter espírito de colaboración coa Xunta e actuar de xeito dilixente no eido administrativo.
A concelleira do PP destacou que, no concurso público de residencias da Xunta, “fai falta precisamente todo o do que adoecen, e aí están decenas e decenas de exemplos como o Pazo de Torrado, o campo de Burgáns ou o pavillón do Pombal, por só citar os fracasos das últimas semanas”, polo que conminou ao goberno municipal a “facer unha milagre e conseguir o que non foron capaces en todo o mandato, que é facer algo ben”.
Ademais, a edil do PP tamén amosou a súa estraneza por esta moción de Somos, xa que “é máis propia dun partido que está na oposición que dun socio dun goberno”, xa que se o executivo quere sacar adiante ou optar a un proxecto non precisa dunha autoaprobación plenaria, só ten que traballar para sacalo adiante: “A moción non é necesaria, o que si é necesario é conseguir os terreos e cumprir cos requisitos da Xunta, que é algo que non adoitan a facer, nin sequera cos fondos que lle corresponden, e aí están os millóns de euros perdidos en axudas e investimentos”.
Finalmente, os edís populares abstivéronse na moción de Somos, xa que aclararon que están totalmente a favor de que a Xunta constrúa unha residencia pública en Cambados, “pero sempre que o goberno faga os deberes e teñamos un dos mellores 24 proxectos de Galicia, que é algo que se debía engadir na proposta de Somos e no que debían traballar, xa que o contrario sería prevaricar”.