O PP de Cambados lamenta que os catro partidos do goberno “só estean de acordo en que nunca están de acordo” e cre que os seus enfrontamentos impiden o avance do Concello

Cambados, 26 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar o “conflito permanente” no que viven os catro partidos que conforman o goberno local e que “só estean de acordo en que nunca están de acordo”, en referenza ás últimas discrepancias entre estas formacións sobre o futuro do Pazo de Montesacro. Por elo, cre que estes enfrontamentos internos, que en moitos casos son públicos, impiden o avance do Concello e a axeitada atención aos veciños e lastran gravemente o futuro de Cambados.

Os populares criticaron as “posturas diverxentes” sobre o futuro do Pazo de Montesacro, xa que PSOE e Somos apostan pola modificación urbanística dos seus usos a cambio dunha compensación, o BNG mantén a súa pechazón en cuestións que non se van producir pola inviabilidade en que siga a funcionar como residencia e Cambados Pode “mantén unha postura ridícula de luto e frustración cando o que hai que facer é traballar e sacar os temas adiante afrontando a realidade das cousas”.

O PP cambadés indicou, en todo caso, que o executivo sempre pode convidalos a negociar para ver as posibilidades de sacar adiante unha posible modificación urbanística do pazo: “O alcalde, como de costume, non ten os votos no seo do seu goberno para sacar adiante no pleno un convenio coa nova propiedade, pero, se quere, pode chamarnos porque temos altura de miras e somos máis fiables que algún dos seus socios, aínda que isto non é un ‘Si’ porque todo dependerá de que sexa bo para os veciños e para os intereses xerais de Cambados”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole.

En todo caso, os populares lamentaron que estas diferenzas e desacordos sexan unha constante, lembrando que nos últimos meses as forzas do cuatripartito xa viviron enfrontamentos pola proposta da suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI), os usos da Praza de Fefiñáns, os pagos de facturas cunha modificación de crédito de 900.000 euros que foi salvada pola abstención do PP, a posible compra do Pazo de Montesacro por parte do Concello e incluso a convocatoria da comisión de seguimento do propio cuatripartito solicitada polo BNG e que non se celebrou nestes nove meses. “É que non se poñen de acordo nin para sentarse nunha mesa”, apostillou a concelleira.

“Estaba claro que un executivo a catro bandas ía ser moi ineficiente e incluso prexudicial para os veciños, xa que padecemos o exemplo delo en mandatos anteriores, pero a verdade é que nesta lexislatura están a bater os seus propios récords de conflitos e así é imposible gobernar, sacar os temas adiante, atender aos veciños e favorecer o desenvolvemento de Cambados”, sostivo Fole.