O PP de Cambados lamenta que a mala xestión e os gastos multiplicados dun goberno de catro partidos vaian a provocar máis recurtes e esixirá que non afecten aos máis vulnerables

Cambados, 24 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar a “terrible situación económica” do Concello derivada da mala xestión por parte do goberno dirixido por Samuel Lago e tamén dos gastos multiplicados pola conformación dun executivo de catro partidos cos propios seus intereses individuais e criticaron que isto vaia a provocar máis recurtes en servizos e obras para o próximo ano, tal e como anunciou o rexedor local.

Ante esta situación, os populares anunciaron que defenderán “ata as últimas consecuencias” os dereitos e o benestar dos veciños de Cambados e esixirán que estes recurtes non afecten aos máis vulnerables, “que é algo que nos tememos que poida pasar polo grao de desesperación coas contas que ten o cuatripartito porque os números non lles dan por ningures”.

Por elo, o PP cambadés confirmou que permanecerá vixilante ante o “tesoirazo” que o goberno local lle vai meter aos servizos, ás obras e ás prestacións pola falta de cartos nas arcas municipais e pola existencia dun déficit de alomenos 600.000 euros anuais.

Neste senso, a formación liderada por Sabela Fole xa lamentou que se vaia minguar aínda máis o reforzo de limpeza, a mellora de viais municipais, as actividades promovidas polo Concello e as axudas aos colectivos, “que son ámbitos diversos que xa sufriron, en maior ou menor medida, unha redución do apoio municipal ao longo dos últimos anos e que agora vaise ver agravada”.

“Estamos nun concello no que imos tristemente a menos de manera clara e a gran velocidade e isto é unha auténtica mágoa sendo Cambados o gran pobo que é. Pero é que ademais dá a sensación de que non hai ninguén ao fronte da nave, que o executivo funciona como reinos de taifas, que non hai un plan nin un proxecto, que non hai ideas nin capacidade de traballo e que navegamos cara a irrelevancia cos veciños peor atendidos que nunca”, sinalou a concelleira popular.

Para os populares, esta situación débese exclusivamente á “extrema debilidade” do executivo cuatripartito, “que está a levar a Cambados a unha situación insostible”, e se preguntaron como fan os demais concellos da provincia, xa que moitos teñen os impostos máis baixos, “para ofrecer uns servizos de calidade sen ter que estar todo o día recurtando nun clima insoportable”.