O PP de Cambados lamenta os recurtes en servizos municipais da grúa, obras, actos públicos, Urbanismo e Servizos Sociais pola mala xestión da política de persoal

Cambados, 10 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar os recurtes que sufren cada vez máis servizos e departamentos do Concello, co conseguinte prexuízo e desatención aos veciños, pola mala xestión da política de persoal e revelaron que, aos problemas recurrentes en Urbanismo e Servizos Sociais, engadíronse recentemente a grúa municipal, as obras e a organización de actos públicos e sociais.

Así, os populares indicaron que a grúa municipal só funciona de 8.00 a 15.00 horas e carécese deste servizo en quenda de tarde pola xubilación do condutor e a falta de cobertura do posto, polo que os axentes de Policía Local teñen que chamar aos donos dos vehículos mal estacionados en toda esta franxa horaria para que retiren os seus coches.

A elo, súmaselle que o tractor do Departamento de Obras tamén permanece parado e sen utilizar porque o adxudicatario da praza, no marco do proceso emprendido polo goberno cuatripartito, non sabe manexalo, o que deixa sen este servizo á veciñanza.

E a falta de persoal tamén chegou ao encargado da xestión de actos sociais e públicos, cuxa ausencia provocou que se tivera que suspender a derradeira sesión dos chamados “Xoves de Rodas”, organizados polos hostaleiros para dinamizar o sector e que expresaron o seu malestar porque os distintos departamentos non xestionaran en tempo e forma a consecución do permiso para a súa celebración.

Esta insuficiencia de traballadores municipais, derivadas das baixas, xubilacións e vacacións ás que nunca se lles dá cobertura, xa estaba a suceder en Urbanismo, con retrasos insufribles para a obtención dunha licenza, e en Servizos Sociais, sen traballadoras sociais suficientes para atender aos veciños máis vulnerables.

Esixencia de solución ao alcalde

Ademais, desde o PP de Cambados explicouse que, a esta falta de persoal, engádese os constantes incumprimentos do cuatripartito á hora de pagar as horas extra pola falta de diñeiro derivado da grave situación económica na que teñen inmersa á tesourería municipal.

Así, o Concello acaba de ser condenado polos Xulgados do Contencioso-Administrativo número 1  e 2 de Pontevedra a pagar estes emolumentos, por un importe global de 27.000 euros, a catro axentes da Policía Local, mentres que outros traballadores municipais que tamén teñen que facer horas extraordinarias acaban de recurrir tamén á xustiza polo seu impago.

“O deterioro da xestión do persoal é absoluto. Non hai traballadores suficientes para atender aos veciños e non se cubren as ausencias, polo que os departamentos non funcionan axeitadamenten prexudicando aos veciñosn e se sobrecarga aos funcionarios existentes. Ademais, resístense a pagar as horas extra e moitas instalacións municipais están en moi malas condicións, como a nave, na que chove literalmente por dentro, o que dificulta a súa labor. En definitiva, que practicamente nada funciona, tamén, nesta área”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole, que lle esixíu ao alcalde, Samuel Lago, como máximo responsable do persoal, “que se poña a traballar aínda que sexa un chisco máis alá de soster os equilibrismos do cuatripartito, porque os veciños están desatendidos e os servizos municipais recúrtanse e deterióranse cada día máis”.