O PP de Cambados lamenta a “sectaria xestión” da Gala do Deporte e os vetos da Concellería de Deportes á Festa de Fin de Tempada do ‘Xuven’
Cambados, 19 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar a “sectaria xestión” da Gala do Deporte a cargo da Concellería de Deportes e nomeadamente da súa titular, Noelia Gómez, posto que para a celebración deste evento está a poñer vetos e dificultades a outros actos deportivos, como é o caso da churrascada e Festa de Fin de Tempada do Clube Xuventude Baloncesto Cambados, que estaba programada para a mesma data, o sábado 21 de xuño, e que finalmente foi cancelada polos atrancos postos desde o Concello.
Os populares queren solidarizase co ‘Xuven’, que levan moitos anos celebrando este encontro cando remata a competición, e lamentan que a Concellería de Deportes limite o horario do mesmo na cesión do pavillón do Pombal e da súa contorna “só porque non quere competencia para o acto municipal”. Asi, inicialmente déuselle permiso ao clube ata as 14.00 horas e, ao parecer, ampliouse posteriormente ata as 18.30 horas “advertindo desde o Concello que é só hora e media antes da Gala”, en referencia ao que se supón que é un xesto de xenerosidade.
“Non entendemos que, se a Gala é no auditorio e o pavillón está totalmente libre, non se lle deixa ao ‘Xuven’ facer a súa celebración durante todo o día. É un veto e un ataque á liberdade só para tentar obrigarlles a acudir a Gala para maior gloria da concelleira, pero por outra banda actúa de xeito sectario, porque quere que vaia xente pero non toda, porque hai tempo que non convida á oposición malia ser un acto institucional”, lamentou a voceira, Sabela Fole.
“A xestión da Concellería de Deportes a cargo de Noelia Gómez é totalmente errática por non dicir algo máis forte, xa que ao escándalo do reparto das axudas económicas aos clubes, que incluso tivo que ser corrixido porque era unha vergoña, engádese o enfrontamento que ten coa maioría deles, mesmo co que foi presidenta, e agora atópamonos con este veto ao ‘Xuven’ e coa falta de amplitude de miras para que a Gala sexa de todo o pobo”, concluíu a concelleira.