O PP de Cambados lamenta a festividade do Luns de Entroido “organizada sen pena nin gloria” e de costas á maioría social só para eliminar a celebración da patroa Santa Mariña

Cambados, 14 de febreiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de lamentar a festividade local do Luns de Entroido, fixada por vez primeira na historia do Concello para este ano, xa que ademais de atentar contra as tradicións da vila está “organizada sen pena nin gloria” e decretada polo cuatripartito contra o sentimento da maioría social. Ademais, criticou que a decisión do goberno de Samuel Lago de impoñer esta data non ten ningún sentido, posto que non ten ningún peso entre a veciñanza e só se colocou para eliminar a celebración da patroa, Santa Mariña.

Os populares cren que esta decisión é “sectaria e ideolóxica” por parte das catro forzas de esquerdas que conforman o executivo municipal, posto que coa mesma só pretenden soterrar as tradicións propias de Cambados cando teñen un sustentto relixioso. Ademais, calificaron de “excusa barata” para tratar de acalar o malestar os veciños o feito de que o 18 de xullo, efeméride de Santa Mariña, caia este ano en sábado.

“A Santa Mariña é o día máis significativo do ano no noso concello, o día máis especial para todos os cambadeses, xa que temos festas que nos proxectan cara o mundo, como o Albariño, pero non hai ningún día como o da nosa patroa que esperte os nosos sentimentos e reflicta a nosa identidade como pobo”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole.

A concelleira, que recibíu ao longo destes días, a medida que se acercaba a data do festivo local no Luns de Entroido, as queixas e o malestar de numerosos veciños, comprometeuse a recuperar a celebración de Santa Mariña no ano 2028 en caso de que acade o goberno local tras as eleccións municipais do próximo ano. Cómpre sinalar que, no 2027, non será necesario, posto que o citado 18 de xullo cadrará en domingo.