O PP de Cambados insta ao goberno a consensuar os festivos de 2027 para evitar que se ‘perdan’ mantendo os deste ano, que serían o martes 16 de febreiro e o domingo 11 de xullo

Cambados, 18 de agosto de 2026.- O grupo municipal do PP de Cambados vén de instar ao goberno tripartito a consensuar canto antes coas demais forzas políticas os festivos locais de 2027, que teñen que estar aprobados antes do 15 de setembro, para evitar que se ‘perdan’ -en caso de desacordo- mantendo os que quedaron fixados para o presente ano e que serían o martes 16 de febreiro, que foi Luns de Entroido e que o próximo exercicio non coincide con esta celebración, e o domingo 11 de xullo, efeméride de San Bieito.

Os populares salientan que esta cuestión é “unha responsabilidade exclusiva” do executivo de Samuel Lago e non se entendería que non alcanzasen un pacto, “posto que sería un caso único na provincia, xa que hai moitos gobernos en minoría, pero todos conseguen sacar adiante esta cuestión básica”.

Neste senso, desde o PP cambadés recalcaron que a súa proposta fundamental pasa por fixar sempre os días de San Bieito (11 de xullo) e da patroa Santa Mariña (18 de xullo), pero en 2027 cadran en domingo, polo que é obrigado buscar alternativas. “En 2028 estas dúas celebracións tan emblemáticas e queridas en Cambados coincidirán en martes e non debería haber problema, porque para nós son irrenunciables, pero o próximo ano hai que buscar unha solución”, apostillou a voceira municipal, Sabela Fole.

Os populares indicaron que, tal e como se reflectíu no derradeiro pleno malia que non saíu aprobada ningunha proposta, hai acordo entre o tripartito e o PP para fixar como festivo o Luns de Pascua (29 de marzo), pero existen importantes diferenzas sobre o segundo día non laborable no ámbito local. Así, as forzas de esquerda, na liña deste ano, pretenden repetir co Luns de Entroido (8 de febreiro), pero desde o PP rexeitan esta data, “xa que, polo consultado cos veciños, a inmensa maioría non quere un festivo en febreiro”. Ante esta situación, a formación liderada por Sabela Fole aposta polo venres 16 de xullo co gallo da Virxe do Carme, “que serviría para honrar ao noso sector do mar, que ninguén pode esquecer que lle dá todo o sentido á nosa vila”.

Sabela Fole revelou que xa mantivo un encontro co alcalde Samuel Lago e co tenente de alcalde Tino Cordal por esta cuestión, pero non se alcanzou ningún acordo, “xa que basicamente non foi unha negociación, senón unha petición de que votemos a favor da súa proposta e reiteramos que os cambadeses fannos chegar que prefiren outras datas festivas antes que as de febreiro”.