O PP de Cambados expresa a súa “rotunda oposición” á supresión en 2026 como festivo do 18 de xullo, día da patroa Santa Mariña, e acusa ao cuatripartito de soterrar as tradicións

Cambados, 15 de agosto de 2025

O grupo municipal do PP de Cambados vén de expresar a súa “rotunda oposición” e de manifestar publicamente o malestar da maioría dos veciños ante a supresión como festivo local, no próximo ano 2026, do día 18 de xullo, na honra da patroa Santa Mariña. Os populares indicaron que esta resolución xa non ten remedio, posto que o cuatripartito xa aprobou o calendario de festivos locais no pleno desta semana e acusou ás catro formacións de esquerdas de soterrar as tradicións da vila de Cambados.

O PP cambadés calificou de “excusa vaga” a empregada polo alcalde, Samuel Lago, para desprezar a festividade de Santa Mariña alegando que, o vindeiro ano, cadra en sábado e que por iso era mellor buscar unha alternativa. “O día da nosa patroa é o máis significativo, emblemático, simbólico e sentido de todo o ano para a veciñanza de Cambados, polo que estamos ante unha decisión sectaria e ideolóxica, impulsada agochadamente por Tino Cordal e Somos Cambados, que non compartimos coa maioría dos veciños, e que nunca se repetirá cun goberno do PP na nosa vila”, manifestou a voceira, Sabela Fole.

A concelleira popular revelou que tanto a formación independente como o BNG “levan moito tempo tentando borrar do mapa calquera celebración de carácter relixioso por moito importante que estas sexan para Cambados, polo que deles xa non agardamos gran cousa”, pero lamentou que o PSOE, e principalmente Cambados Pode de José Ramón Abal, se preguen aos intereses sectarios e ideolóxicos de Tino Cordal, que leva anos amagando con cambiar a Santa Mariña polo Luns de Entroido “malia que esta celebración non ten un peso especialmente relevante na nosa vila”. “Estamos ante un capricho”, engadíu.

O PP de Cambados confirmou que sempre defenderá a festividade local da Santa Mariña agás que cadre en domingo, que é algo que sucederá no ano 2027, polo que detecta unha estratexia soterrada do cuatripartito para suprimir o día da patroa durante dous anos consecutivos co obxectivo de eliminalo do imaxinario dos veciños. En calquera caso, anunciou que, de acadar a alcaldía nas eleccións de 2027, o PP será o encargado de levar a pleno, a finais do verán desde ano, a proposta de festivos locais para 2028 e incluirá a Santa Mariña.