O PP de Cambados esíxelle ao alcalde que chame á orde a José Ramón Abal polo exceso de gastos que provocan o peche de servizos ou que proceda ao seu cese inmediato

Cambados, 4 de outubro de 2025.

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixirlle ao alcalde, Samuel Lago, que chame á orde ao concelleiro de Obras, José Ramón Abal, polo exceso de gastos sen partida orzamentaria nin fondos nos seus departamentos delegados, que acaban provocando recurtes e peches nos servizos municipais polas faltas de subministros ante os impagos, ou que proceda ao seu cese inmediato despois de que se descubrise que a Policía Local non pode facer patrullas nos seus vehículos por falta de combustible.

Os populares, ante o cruce de acusacións entre o rexedor e o edil de Cambados Pode pola responsabilidade neste desfase nas contas, sinalaron que o goberno local non pode contar cun concelleiro que aproba gastos descontrolados sen que haxa diñeiro para pagalos, xa que esta nefasta xestión afecta negativamente aos servizos municipais e repercurte prexudicialmente nos cidadáns.

Pero ademais, o PP revelou que, máis alá do caso deste corpo de seguridade e a supresión das patrullas en coche por falta de combustible ao adebedarse uns 20.000 euros, os impagos contraídos por José Ramón Abal no que vai de ano “parecen non ter fin sen que ninguén lle poña couto mentres os servizos van diminuíndo as súas prestacións e os provedores deixan de servir ao Concello”.

 

“Non hai diñeiro nin para as bolsas do lixo”

Así, descubriron que o mantemento eléctrico e as rozas de maleza levan sen pagarse nos dez meses do presente ano –ascendendo no primeiro caso a 53.000 euros–, hai débedas por miles de euros en ferretarías de Cambados e tamén noutras do Salnés ás que se acude ultimamente ante a negativa das locais a asumir máis encargos do Concello, están sen abonar os 20.000 euros en prantas ornamentais contratadas por este concelleiro,non se lle paga a area para obras ao empresario autónomo que subministra á concellería e incluso téñense que reciclar as bolsas para a recollida do lixo

Neste senso, desde o PP cambadés revelaron que, cos datos da contabilidade interna cotexados hai 15 días, os departamentos dirixidos por José Ramón Abal xa alcanzaban os 310.000 euros en facturas sen abonar, “o que repercute negativamente nos servizos, xa que moitos teñen que deixar de prestarse por chegar ao límite, e tamén nos provedores, moitos dos cales son pequenos negocios, pemes ou autónomos de Cambados que viven afogados e coa súa tesourería moi tensionada por culpa do seu propio Concello”.

Ante esta situación, a voceira municipal, Sabela Fole, quixo lembrarlle ao rexedor Samuel Lago que el é o responsable último de ter axustadas as contas municipais, de que se encargue o que se poida pagar garantindo a sostibilidade dos servizos municipais e de que se faga un uso responsable do diñeiro público, polo que reclamoulle que “exerza o seu cargo dunha vez por todas” e esixa a José Ramón Abal que se aveña ao uso racional dos fondos municipais. “O alcalde non pode permitir que persista esta situación, porque logo se queixa de que non ten diñeiro, pero agora xa sabemos que se dilapida nos gastos desorbitados e ademais ineficaces de José Ramón Abal, así que ou o chama á orde ou ten que cesalo. Lago non pode permitir que cada grupo político dos que conforman a merenda do cuatripartito campe ás súas anchas, porque o Concello xa non ten un peso e a situación vai a peor a gran velocidade”, engadíu Fole.

 

Resposta ao BNG

Por outra banda, a voceira popular tamén lle replicou ao voceiro do BNG, Liso González, tras a súa acusación dunha pinza entre PP e Abal para que o cuatripartito non funcione: “Non hai ningunha pinza con Abal, de feito o PP atópase máis alonxado de Abal que do propio BNG, e ademais non é necesaria esa suposta pinza para que o cuatripartito non funcione xa que os catro partidos que o conforman son perfectamente capaces de levarnos á actual desfeita sen axuda”.

En todo caso, e dadas as fortes críticas do edil nacionalista a Abal, Fole pediulle a Liso González que en primeiro lugar se “responsabilice” do goberno do que fixo formar parte co edil independente e, ademais, solicitoulle que sexa coherente co manifestado contra o seu socio “e abandone o luns o goberno local, aínda que non o fará en ningún caso porque a única pinza que hai en Cambados é a que ten Liso González para coller os seus máis de 40.000 euros anuais de soldo”.