O PP de Cambados esíxelle a Samuel Lago unha resolución urxente da grave crise interna do cuatripartito “para que se poñan a solucionar os moitos problemas dos veciños”

Cambados, 27 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixirlle ao alcalde, Samuel Lago, que adopte as medidas necesarias para acadar unha resolución urxente da enésima crise interna do cuatripartito, posiblemente a máis grave das moitas que os cambadeses levan sufrindo este mando, co obxectivo de que os socios de goberno “se poñan a tentar solucionar dunha vez por todas, malia a súa patente e demostrada incapacidade, os moitos problemas dos veciños”.

Neste senso, os populares indicaron que, máis alá destes erráticos tres anos co Concello colapsado, sen atención aos veciños ou con perdas récord de axudas, só no último día xurdiron no municipio conflitos pola crecente inseguridade cidadá con lumes e vandalismo, importantes problemas na escola de música ou queixas polo estado do mobiliario urbano. “E así estamos día tras día, cos catro socios actuando como ‘machos alfa’ mirándose o embigo e adicados exclusivamente ás súas leas mentres teñen desatendido ao pobo e o clima de deterioro medra ata extremos insoportables”, lamentou a voceira municipal, Sabela Fole.

A concelleira popular indicou que o cuatripartito, tal e como se podía aventurar polas moitísimas diverxencias entre eles, se atopa totalmente roto e inmerso nun clima de absoluta desconfianza, que é o que pensan e sinten a inmensa maioría dos cambadeses, polo que lle reclama ao alcalde “que abandone esa postura de tibieza e de falta de liderado” que leva amosando todo o mandato e que tente recompoñelo “para tratar de rematar o mandato xa non con xestión, que con iso xa non conta ninguén, pero polo menos cun mínimo de dignidade porque están ofrecendo un espectáculo dantesco”.

A edil do PP tamén pedíu públicamente que o rexedor, no desempeño das súas exclusivas competencias, adopte decisións “para non pechar esta crise en falso como leva sucedendo ao longo de todo o mandato”, porque salientou que, se todo segue exactamente igual, “os veciños seguirán sen estar atendidos, aínda que sexa de maneira ineficiente como estes tres anos, ata que volva a estalar outro conflito, que posiblemente vaian medrando, para prexuízo dos cambadeses, a medida que se acheguen as eleccións municipais e medre o nerviosismo entre os catro socios”.

Finalmente, Sabela Fole percibe, tal e como lle comentan centos de veciños, que o alcalde atópase totalmente superado pola situación, pero cre que iso se debe a que leva todo o mandato actuando con covardía. Pero en todo caso, apercibíulle de que el “é o único responsable desta desfeita, xa que este goberno ‘Frankenstein’ a catro bandas mal avenido no que só importan os egos, ademais dos soldos e das cadeiras, foi o que o propio Samuel Lago, en exclusiva, artellou e pactou para este mandato, así que, para desgraza dos veciños, é o seu goberno”.