O PP de Cambados esixe unha solución urxente aos graves problemas de contaminación e cheiros pola ausencia dunha rede separativa do saneamento en lugares de Castrelo
Cambados, 27 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixir unha solución urxente aos graves problemas de contaminación, verteduras e cheiros que sufren os veciños dos lugares de Baltar e A Barca, na parroquia de Castrelo, pola ausencia dunha rede separativa do saneamento e o abastecemento de auga e a absoluta falta de compromiso do goberno multipartito tras once anos ao fronte do Concello.
Os populares, que van presentar unha proposta no pleno de mañá baixo o formato de moción, reuníronse onte á noite coa práctica totalidade das 40 familias afectadas e revelaron que se atopan “desesperadas” ante a inacción e as falsas promesas do cuatripartito malia a gravidade da situación e tamén polos efectos de insalubridade que causa nas súas vidas e polo mal funcionamento do servizo.
O problema desta contorna xurde da existencia dunha rede unitaria de augas fecais e pluviais que ten graves deficiencias, xa que, especialmente cando chove, colapsan os bombeos e prodúcense alivios directos que teñen contaminados todos os pozos particulares e producen cheiros nauseabundos durante moitos días, chegando incluso a cubrir o saneamento con bolsas de plástico para mitigalos.
Ao respecto, un informe técnico avoga polo desenvolvemento dunha canalización separativa do saneamento e do abastecemento, que incluso foi defendida pola Valedora do Pobo ante o requerimento dos veciños afectados, e para iso a Concellería de Obras chegou a anunciar un borrador da actuación dun investimento de 400.000 euros “do que loxicamente nada se sabe porque supón unha obra dun calador maior ás fochancas ás que nos ten acostumada”.
Por iso, desde o PP vaise propoñer ao pleno, recollendo as demandas dos veciños, a construción da citada rede separativa, a esixencia de que Concellería de Obras asuma a responsabilidade política do seu anuncio e presente o proxecto ao pleno en trinta días e que posteriormente se execute este servizo de saneamento en formato separativo ao resto de vivendas que carecen do mesmo.
A voceira municipal, Sabela Fole, denunciou que esta situación nace do “pasotismo” absoluto do goberno con Castrelo e co rural de Cambados en xeral e tamén da falta de fondos para asumir unha obra deste custe, pero revelou que o Concello perdeu unha oportunidade tras o ofrecemento de cofinanciamento por parte de Augas de Galicia na reunión á que asistíu o concelleiro José Ramón Abal con varios veciños.
“Dixéronlle que presentase un proxecto e habería cartos, algo que a Xunta xa demostrou coa millonaria obra do saneamento na vila, pero o edil independente non envíou nada e limítase a dicir que anda niso coa súa habitual inoperancia, sen resolver a situación e perdendo esta oportunidade, pero aos veciños e a nós énos igual e non imos deixar de esixir que fagan a obra sacando cartos de onde sexa”, manifestou a concelleira popular.